Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018

mércores, 13 de xuño de 2018

SOS Sanidade Pública pide unha auditoría interna para avaliar as enormes transferencias económicas á sanidade privada desde o goberno de Feijoo

SOS Sanidade Pública pide unha auditoría para avaliar as enormes transferencias económicas á sanidade privada desde o goberno de Feijoo

 

Manifesto lido durante a concentración:

SOS Sanidade Pública convocou concentracións en toda Galiza, en cada área sanitaria, para denunciar a estratexia global de privatización do goberno de Feijoo.

Tiñámolo acordado antes da sentencia da Gürtel, antes de que Rajoy perdese o goberno e antes de que Feijoo, por fin, dese a cara e confirmase que quere ser aspirante a presidir o partido popular.

Acordamos estas concentracións para denunciar, máis unha vez, que o goberno galego -de Feijoo- ten unha estratexia de privatizar a NOSA sanidade pública.
Nestes 9 anos que leva de Presidente aplicouse a fondo.

Certo é que non é só a sanidade porque en Pontevedra non esquezamos que prorrogaron a concesión a ENCE, para seguir ocupando os terreos de todos e afumar e cheirar a cidade por decenas de anos, e que aquí na Coruña ben sabemos o que o PP quere facer cos terreos do porto, da Solana e os da maestranza. O PP converteu o ministerio de fomento, o de defensa e á mesma Xunta de Galicia nos maiores especuladores urbanísticos da cidade, querendo vender o que é de todos.

Pero volvamos á sanidade. Agora, neste momento político, temos aínda máis responsabilidade. Temos que dicirlle a toda España quen é Feijoo, recordarlles que non se diferencia en nada do seu querido Rajoy, que as súas políticas están arrasando Galiza e que fará o mesmo co resto de España, se o deixan.

Alguén dirá: Si pero el está de Presidente porque gañou as eleccións. Correcto, pero tamén é certo que a Gürtel xa estaba cando Rajoy arrasou no 2011 e volveu ser o máis votado por 2 veces no 2016. E a pesar diso, inexplicablemente, indecentemente, gañou. Pero os ventos cambiaron e nunha semana tanto Rajoy como o partido popular perderon o poder.

Lembremos algúns dos feitos de Feijoo coa sanidade pública galega:

1. Nada máis chegar en xuño de 2009 paralizou uns acordos de incremento retributivo do persoal do sergas, uns acordos que xa estaban publicados no DOG. E paralizou tamén a negociación da carreira profesional, avisando xa daquela o que lle esperaba ao persoal: reducións salariais, precarización da contratación, redución de persoal e grandes desigualdades retributivas ao haber uns con carreira profesional e outros sen carreira nestes 9 anos.

2. Feijoo tampouco quería perder pé das concesións privadas hospitalarias ás construtoras españolas, e entregou o novo Hospital de Vigo pola vía da Iniciativa de Financiamento Privado, como estaban facendo en Madrid ou en Valencia. Como resultado desta operación o sergas ten que pagar un canon anual de 66 millóns de euros durante 20 anos (é o hospital de Vigo pero lembrade que o pagamos todos), ao que hai que sumar unha verdadeira peaxe na sombra mes a mes por pagos non pactados previamente.

3. Despois do hospital de Vigo Feijoo xa estaba botado para diante e seguíu na súa liña. Privatizou a central loxística de compra e distribución de todo o material que se usa no sergas (e que ata ese momento facía o propio sergas), a electromedicina, a historia clínica (cos nosos datos sanitarios), o transporte programado, o transporte urxente, o mantemento xeral e tamén a compra de alta tecnoloxía por medio do chamado diálogo competitivo. O sergas deste modo entrega a planificación estratéxica e o coñecemento sobre as compras ás empresas privadas, das que pasa a depender. Só o contrato de alta tecnoloxía foron 88 millóns por 8 anos.

4. Recientemente, coa súa maioría absoluta no parlamento, modificou a lei galega de saúde para eliminar as áreas sanitarias do Salnés, o Barco, Monforte e a Mariña, deixando estes territorios sen planificación propia e afogando os seus hospitais comarcais.
Nesta lei tamén se crean estruturas de participación cidadá pero eliminando a función de evaluar a xestión dos directores do sergas e confírmase a política de introdución da empresa privada nas estruturas de investigación e de formación do sergas, que intentan orientar tanto os proxectos de investigación como a docencia dos nosos médicos e os outros profesionais cara os seus intereses.

5. A atención primaria, a máis cercana á poboación, o lugar onde se debe aplicar a prevención e a promoción de saúde, está desaparecida na política sanitaria de Feijoo, sendo absolutamente residual nos obxectivos deste goberno. Fan moitas declaracións de potenciar a atención primaria pero no último mes vimos como amortizaron unha praza máis de médico no centro de saúde San Xosé e acumularon os seus pacientes ao resto de médicos do centro.
Nos obxectivos deste ano o sergas pide que non tardemos máis de 5 días en atender aos pacientes no centro de saúde. Como é posible? É unha adaptación á realidade, a falta de substitucións, a política decidida por este goberno, impide que os pacientes poidan ser atendidos no día e normaliza a lista de espera tamén en atención primaria.

6. Cando se querían vender pisos o Estado desgravaba a compra de vivenda, agora Montoro, Rajoy e Feijoo queren vender sanidade privada e hai unha desgravación de 500 euros ao ano ás empresas por cada traballador ao que lle fagan unha póliza de sanidade privada. 500 euros que pagamos todos para que a empresa regale sanidade privada aos seus traballadores, no lugar de fortalecer a sanidade pública.


7. Este ano pechan na Coruña, no verán, 170 camas, un aumeno do 41,66% en relación co peche de camas do ano pasado.
Dos 18 quirófanos inaugurados por Feijoo só funcionan con normalidade pola mañá 15 e pola tarde só 3.
Mentres pasa isto, os nosos familiares son enviados a operar de cancro a Ferrol, Burela, Pontevedra ou Vigo ou a un centro privado, en aplicación do decreto de tempos máximos de espera. Este decreto di que as cirurxías deben facerse en 60 días e as consulta ou probas en 45 pero hai pacientes que no lugar de facerllo no CHUAC os mandan fóra de paseo ou a centros privados.

E mentres pasa isto,

O CHUAC fai unha transferencia de 20 millóns de euros ao ano a San Rafael, Quirón e Modelo.

Si, parece increíble pero é así. Vense facendo desde hai tempo por unha cantidade similar e por un procedemento negociado, moi pouco transparente. Agora hai un acordo marco para 4 anos de concertación de 72 millóns 220 mil euros e unha salvagarda de 25 millóns trescentos mil euros, o que fai un total de 97,5 millóns de euros por catro anos con estes hospitais, San Rafael, Quirón e Modelo.

Se a maioría destes cartos fosen investidos nos centros de saúde e hospitais da Área de A Coruña estarían resoltos a gran maioría de problemas.

Por poñer un símil:

Da para contratar a máis de 350 médicos ou para resolver a precaria situación de persoal de todas as plantas do hospital e para ter unha ratio de poboación por médico de familia que permita traballar ben.

É unha tomadura de pelo. Estes son os feitos do señor Feijoo e a política do partido popular.

É necesario unha auditoría interna porque tal volume de transferencia económica á sanidade privada cheira mal e impresiona da existencia de corrupción cos cartos da sanidade pública.

Temos dereito a un cambio tamén aquí en Galiza. Temos dereito a ter esperanza.

Denunciamos a privatización e o saqueo da NOSA sanidade pública.

Esiximos un cambio de políticas. Pedimos un aplauso e un berro forte pola sanidade pública, de calidade e universal.


martes, 12 de xuño de 2018

Concentración o mércores 13, en toda Galicia, en defensa da sanidade pública. Na Coruña será no Obelisco ás 8 da tarde



A concentración de mañá convócase para denunciar a privatización sanitaria global do goberno de Feijoo.
Iniciou o seu mandato reducindo salarios e paralizando a carreira profesional e un incremento retributivo pactado, publicado no DOG,
Continuou reducindo persoal (máis xubilacións/mortes que contratacións) e privatizando os medios de apoio no sergas (tecnoloxía, electromedicina, historia clínica,...).
Usou a vía, xa obsoleta en Europa, de Iniciativa de Financiamento Privado para o hospital de Vigo.
Cambiou a lei galega de saúde para eliminar áreas sanitarias, centrar a xestión nas Xerencias únicas e deixar sen estrutura a atención primaria, o lugar máis cercano de atención ao paciente e onde se realiza a prevención e promoción de saúde.
Agora, na Coruña, establécese un Acordo Marco de concertación privada co Quirón, San Rafael e Modelo durante 4 anos e por unha cantidade de 97,5 millóns de euros. Unha transferencia económica enorme á sanidade privada no lugar de fortalecer á sanidade pública. Ademais, dentro deste Acordo, contrátase o aluguer de quirófanos na privada levando o sergas os seus profesionais en horario normal de atención.
Mentres se fai esta fortísima transferencia económica á sanidade privada da Coruña o CHUAC segue pechando camas (aumentou un 41,66% de camas pechadas en relación co ano pasado) e non usa todos os quirófanos que ten (usa diariamente 15 de 18 no hospital xeral en horario de mañá e só 3 en horario de tarde).
Entendemos que é necesaria unha concertación privada complementaria coa utilización máxima da pública pero isto é moito máis, é asegurar un negocio á sanidade privada cando a pública está infrautilizada.
Ao mesmo tempo que ocorre isto, o goberno de Rajoy desgravou fiscalmente ata 500 euros por traballador por cada póliza de seguro privado que contrata unha empresa, todo un regalo para a sanidade privada.
Deterioro do público, fortalecemento do negocio coa saúde e a sanidade pública, que é a de todos.
Por estes motivos facemos a concentración o mércores día 13 ás 8 da tarde no Obelisco, e fanse á mesma hora en toda Galiza no ámbito de cada plataforma de SOS Sanidade Pública.

Documentación entregada na rolda de prensa:
 








luns, 11 de xuño de 2018

ACAMPA, na Coruña do 14 ao 16 de xuño. Tamén pola recuperación da sanidade pública universal

ACAMPA, pola paz e o dereito a refuxio. Pola recuperación da sanidade pública universal. Do 14 ao 16 de xuño na Coruña, cun programa espectacular. Mira o programa completo e participa

11 de Xuño de 2018

Invitación á inauguración de
ACAMPA POLA PAZ E O DEREITO A REFUXIO
 
Xoves día 14 de Xuño de 2018, as 10:30 h.


O vindeiro día 14 de Xuño ás 10:30 h inauguramos Acampa pola paz e o dereito a refuxio 2018, afondando este ano no dereito a refuxio por cambio climático.

Sería para nós moi importante contar coa túa presenza neste acto simbólico de inicio.

Se desexas participar, pódeste acreditar enviando un correo a
acampa-ccg@acampa.eu ou inscribíndote na web de Acampa.

A túa acreditación pódela recoller 30 minutos antes do inicio do acto, o mesmo día 14, na mesa da organización, situada a carón do palco da música dos xardíns de Méndez Núñez na Coruña. No acto de inauguración contaremos coa actuación musical de Cora Sayers.






Pode atopar toda a información e o programa completo nestes enlaces: Programa e ACAMPA

sábado, 9 de xuño de 2018

Recoñecemento a Luis Montes e debate sobre a morte digna na Coruña

Nesta entrada pódese ver:
- Descrición e fotos do acto
- Ligazón ao final da homenaxe a Luis Montes en Madrid o 2 de xuño. Canta a Solfónica.
- Ligazóns aos pdf das lei galega e do congreso sobre coidados paliativos e eutanasia
- Díptico de presentación deste acto

O xoves 7 de xuño SOS Sanidade Pública A Coruña e a asociación galega Dereito a Morrer Dignamente (DMD) organizaron unha mesa redonda na que fixeron unha homenaxe a Luis Montes, un activista na defensa da sanidade pública e da liberdade e unha persoa entusiasta na esixencia do dereito a que as persoas decidamos libre e legalmente como finalizar a nosa vida.

Celebrouse o debate no salón da Fundación ONCE, nos cantóns de A Coruña.

Moderou a mesa Demetrio Vázquez, de SOS Sanidade Pública, e falaron Isabel Blanco e Asunción Cambrón, da DMD, e Moncho Veras, voceiro de SOS Sanidade Pública A Coruña.

Unha sala chea quixo honrar e despedir a unha persoa significada na defensa da igualdade e dos dereitos das persoas como foi Luis Montes.

Algunhas fotos do acto:



 empezando pola dereita Demetrio Vázquez, Isabel Blanco, Asunción Cambrón, Moncho Veras.

Ligazón a youtube ao final da homenaxe a Luis Montes no auditorio Marcelino Camacho, de CCOO, en Madrid o 2 de xuño de 2018. Canta a Solfónica:
 Saúdo da Solfónica

Final da homenaxe co canto de Labordeta pola Solfónica

O final da homenaxe dos seus amigos en Madrid o 2 de xuño indica o que máis significou a Luis Montes: Liberdade, Igualdade e defensa da sanidade pública 

Ligazón á lei galega de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2015/20150716/AnuncioC3B0-020715-0003_gl.html


Ligazóns a textos de coidados paliativos e eutanasia no Congreso:

- Presentada polo Grupo Parlamentario Confederal de Unidos
Podemos-En Comú Podem-En Marea

http://www.congreso.es/public_oficiales/L12/CONG/BOCG/B/BOCG-12-B-77-1.PDF

Presentada polo grupo palamentario de Ciudadanos

http://www.congreso.es/public_oficiales/L12/CONG/BOCG/B/BOCG-12-B-66-5.PDF

Presentada polo Parlamento de Catalunya: Proposición de Lei de reforma da Lei Orgánica 10/1995, de 23 de novembro, do Código Penal, de despenalización da eutanasia e da axuda ao suicidio.

http://www.congreso.es/public_oficiales/L12/CONG/BOCG/B/BOCG-12-B-154-1.PDF

- Polo grupo parlamentario do PSOE

http://www.congreso.es/public_oficiales/L12/CONG/BOCG/B/BOCG-12-B-270-1.PDF


Achegamos o díptico de presentación do acto: