SOS SANIDADE PÚBLICA participa e pide o apoio para manifestar a nosa oposición á lei de seguridade cidadá que está pendente de aprobar o Congreso. Un novo atentado á democracia por parte dun PP que busca a represión para soster as súas políticas antisociais.
DOMINGO 23 DE NOVEMBRO
12 HORAS
MANIFESTACIÓN NA CORUÑA
SAÍDA DA PRAZA DE PONTEVEDRA ATA A DELEGACIÓN DO GOBERNO
MANIFESTO ALIANZA SOCIAL GALEGA:
A REFORMA DA LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ E DO CÓDIGO PENAL IMPLANTA UN ESTADO POLICIAL
A nova lei de seguridade cidadá e a reforma do Código penal
evidencian o seu obsesivo centralismo, os nulos principios democráticos
polos que se rexe o PP e a que clase de intereses serve. Mentres actúa
con esta dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a
realidade plurinacional do estado, mantén unha actitude de moita
permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos
e o capital financeiro.
Estas reformas normativas teñen como obxectivo reprimir a contestación social.
O PP está provocando, coas reformas laborais e sociais e coas súas
políticas económicas, un recorte de dereitos e unha crecente
precariedade das condicións de traballo e da calidade de vida das
persoas. Ante a contestación social que xeran tales políticas, promove
estas reformas para impedir protestas que as poñan en cuestión.
O exercicio democrático e constitucional do dereito á folga e
a outros medios de protesta e reivindicación estano poñendo en cuestión
as autoridades públicas mediante:
- Diferentes causas e actuacións penais contra das persoas
traballadoras e dos grupos de reivindicación social por supostas
actividades delituosas durante o desenvolvemento de manifestacións,
concentracións ou calquera outra forma pacífica de contestación, ou
mesmo de defensa dos dereitos que nos están arrebatando.
- Un inusitado protagonismo do ministerio fiscal.
Por estas vías pretenden deslexitimar a resposta da cidadanía
fronte ás reformas e actuacións inxustas propostas polo poder político
deste Goberno.
Coa reforma do Código penal tipifícanse como delito unha serie de
accións sociais que até o de agora non tiñan esa consideración.
- desorde pública
- atentado
- desobediencia
- resistencia á autoridade, etc.,
o que supón un ataque frontal a dereitos sobre os que asenta a
participación democrática: liberdade de reunión, manifestación e de
folga.
O PP reforma a lei de seguridade cidadá
- para actuar de forma inmediata e contundente contra a conflitividade
social que eles crean; evitan así depender de xuíces e maxistrados que
non estean dispostos a colaborar na súa política represiva e de recorte
das liberdades públicas;
- para substituír a infracción penal pola infracción administrativa, á
marxe das garantías xurisdicionais, para desalentar a mobilización
social, actuando con total discrecionalidade e arbitrariedade;
- para aumentar as infraccións (pásase de 30 a 57 e créanse até 36
novos tipos) e as contías das sancións, que se fixarán sen considerar o
patrimonio das persoas afectadas (1.000 euros as leves, 30.000 as graves
e 600.000 as moi graves);
- para despenalizar as faltas co fin de evitar o control da xustiza
penal, facendo as sancións inmediatamente executivas; elimínanse así as
garantías da presunción de inocencia (pagamento de taxas, presunción de
veracidade da actuación da policía, etc.).
A tutela xudicial só opera unha vez imposta a sanción e grava
a cidadanía coa carga de promover un proceso sometido a custos
adicionais á propia sanción; custos incrementados tamén de forma
arbitraria coa reforma da lei de taxas xudiciais.
Preténdese a persecución de todo tipo de mobilizacións e mesmo o exercicio de dereitos fundamentais:
- Castiga as «ofensas» ás institucións, himno e símbolos do Estado
español; reprime as manifestacións públicas a través de panfletos ou
bandeiras que supostamente inciten á alteración da orde pública.
Impídese o dereito á folga e as concentracións diante de calquera espazo
común, público ou privado (mesmo fóra das horas de apertura), contra a
vontade do seu propietario, arrendatario ou titular.
- Sanciona duramente os peches, escraches, concentracións contra un
desafiuzamento, cortes de tráfico, despregamento de faixas,
manifestacións diante das sedes parlamentarias, manifestacións de
empregados/as públicas con roupa de servizo, colgar carteis, facer
pintadas, acampadas de protesta, recollida de sinaturas ou colocación de
mesas nas rúas.
- Promove os controis, rexistros, identificacións, cacheos e
detencións pola vía da inmobilización «polo tempo estritamente
necesario», para actuar ante accións que poidan provocar alarma social.
- Prohibe a participación en protestas con carapucha, casco ou obxecto
que cubra o rostro. Castiga como desobediencia e resistencia á
autoridade a negativa a identificarse.
- Implanta unha censura previa de aplicación discrecional contraria á
Constitución, ao limitar a captación e difusión de sons, imaxes ou datos
de membros das forzas de seguridade do Estado nas súas intervencións
públicas, o que socava o dereito da cidadanía a recibir unha información
veraz e plural, imposibilita e amedrenta o traballo xornalístico —un
dos garantes dese dereito—, promove a impunidade no abuso policial
contra os dereitos civís ao impedir a existencia de posíbeis probas
gráficas de intervención desproporcionada das forzas de seguridade.
Con esta reforma represiva, o Goberno pretende
- converter o conflito social nun continuo conflito de orde pública; camiñamos cara a un estado de carácter policial, onde
- obrigar á colaboración cidadá coa policía baixo imposición de
sancións, ao tempo que se amplía a impunidade na actuación policial, que
non terá o deber de identificarse nin de exhibir identificación
ningunha e terá plenas facultades para o uso inxustificado e
desproporcionado da violencia;
- ampliar as competencias da policía para desaloxos, disolución, mesmo
preventiva, de reunións e manifestacións así como as gravacións
indiscriminadas de persoas e lugares.
E mentres se aplican estas reformas represivas,
- desmantélase o sistema público da Administración de xustiza
realizando outras reformas que limitan e impiden o acceso aos xulgados,
ben establecendo cantidades económicas para acudir á Administración de
xustiza, privatizando servizos que antes eran públicos e gratuítos
- traspásanse aos notarios, rexistradores e profesionais privados,
servizos que eran públicos, gratuítos e de fácil acceso; e modifican a
actual estrutura xudicial, suprimindo partidos xudiciais en localidades,
desprazando xulgados a capitais de provincia.
Todo isto deteriora extremadamente o servizo público da xustiza
encarecendo os custos e eliminando a proximidade e a facilidade para o
acceso á xustiza.
Por todo o dito, as organizacións e entidades que conformamos a
ALIANZA SOCIAL GALEGA denunciamos estas novas reformas do PP, claramente
dirixidas a impedir o exercicio de dereitos fundamentais, e chamamos o
pobo galego a dar unha resposta colectiva que impida este atentado ás
liberdades públicas e este golpe de Estado encuberto.
Non podemos permitir este paso atrás, non podemos calar ante a
criminalización da protesta social, ante o retroceso inaceptábel das
liberdades públicas e das vías de participación democrática que pretende
o Goberno do PP e nos sitúa nun escenario que nos retrotrae, en moitos
aspectos, á época do franquismo.
Forman a Alianza Social Galega: A Mesa pola Normalización
Lingüística; ADICAE GALICIA; Altermundo; ANPAS GALEGAS; Asemblea de
Cooperación pola Paz; Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes;
Asociación Fuco Buxán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación
Galega de Mariscadoras/es (AGAMAR); Asociación Monte Pindo Parque
Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA);
Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega;
Autónomos de Galicia, AUGA-UPTA; Boa Vida Inclusión Activa;
Confederación Intersindical Galega (CIG); COGAVE; Colexio de Educadoras e
Educadores Sociais de Galicia; Colectivo Encontro Benestar Social;
Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités
Abertos; CONFAPA Galicia; Confraría Pescadores Poboa do Caramiñal;
Coordinadora Galega de ONGDs; Escola Viva; Federación de Asociacións
Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais;
Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega
do Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares;
Federación Rural Galega (FRUGA); Fundación 10 de Marzo; Federación de
AA. de VV. de Pontevedra “Castelao”; Fundación Defensa dos Consumidores;
Fundación Estudo e Divulgación da Cuestión Social e Sindical na Galiza;
Fundación Galiza Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e
Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola
Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD;
Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Mesa Galega de
Educación no Rural; Movemento polos Dereitos Civís; Nova Escola Galega;
Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común
(ORGACCMM); Plataforma en Defensa do Ensino Público; Plataforma en
Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega
Defensa do Ensino Público; Plataforma polo Emprego; Plataforma Queremos
Galego; S. N. de CCOO de Galicia; Seminario Galego de Educación para a
Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas de Galicia;
Sindicato Labrego Galego; Sindicato de Traballadoras e Traballadores do
Ensino de Galiza (STEG); SOS Sanidade Pública; UGT-Galicia; Unión de
Traballadores Autónomos do transporte, o mar e as comunicacións de
Galicia (UNIATRAMC-Galicia); Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade.