Iniciou o acto Demetrio Vázquez, en representación de SOS Sanidade Pública.
Actuou de presentadora e guía do acto Isabel Risco
No acto participaron a Plataforma de ciudadanos por la salud (Javier Hermo), que reclama a vacina da meninxite B no calendario oficial, e a plataforma de afectados pola hepatite C (Nieves Cabalo).
Tamén estaban convidados os grupos da nova corporación municipal.
Polo BNG participou a concelleira Avia González.
Polo PSOE participou Mar Barcón.
O PP non asistíu nin contestou ao convite.
Da Marea Atlántica participou Santiago Lamelo, ante a imposibilidade de participar ningún concelleiro.
Finalmente rematou o acto Moncho Veras, en representación de SOS Sanidade Pública, coa lectura do seguinte documento:
Documento de lectura final da concentración por parte de SOS:
A Conselleira de Sanidade Rocío Mosquera di que todos os veráns
faise unha reorganización dos servizos. Di que non é un peche de
camas senón unha REORGANIZACIÓN e iso é así porque o recurso cama
non é tan imprescindible como antes.
Esta señora, cando menos, podería estar calada e non provocar máis.
No CHUAC pechan
31 camas de cirurxía plástica e reumatoloxía
40 camas de neuroloxía
2 camas de UCI
18 camas de reanimimación
14 camas de nenos escolares
13 camas de lactantes
3 de UCI pediátrica
42 da Unidade de coidados contínuos
50 camas de Medicina Interna
15 camas que se usan para cirurxía sen ingreso de
Otorrinolaringoloxía, maxilofacial e xinecoloxía e pecha tamén o
Hospital de Día do Abente onde a media de cirurxía sen ingreso (que
perderemos) é de 25. Aquí faise cirurxía sen ingreso de cirurxía
xeral, mama, uoloxía, traumatoloxía, oftalmoloxía, dermatoloxía e
tamén se fan aquí colonoscopias con sedación.
Non só no hospital pechan camas. En Atención Primaria bloquean
consultas deixando sen médico a moitos pacientes cada día. Estes
pacientes, se queren ser atendidos, van pasar á consulta dos médicos
que quedan no centro, xa de por si sobrecargados, e van ser atendidos
como unha urxencia, a maiores do resto. É un verdadeiro recorte de
servizos que o sergas xa ten incorporado como habitual ante ausencias
dos profesionais por vacacións ou por baixa laboral.
Que quere dicir a señora conselleira? Que esta chamada
reorganización, ou sexa, este peche de camas non vai ter
consecuencias sobre a saúde da xente?. Pois minte. Sabemos que si.
Sabemos que a lista de espera aumentará, que os que teñen cataratas
terán que esperar ou os enviarán á privada, que os cancros de pel
tamén e así en todas as especialidades afectadas.
Sabemos que se hai menos camas para ingresar vai haber maior colapso
de urxencias e de feito o luns 22 había xa 42 persoas en espera de
cama, algunhas levaban todo o fin de semana, e que o martes había
30. E aínda non están todas as camas pechadas. Agora o que fan é
ir bloqueando as camas a medida que van de alta os pacientes das
plantas afectadas. Deste modo o 30 de xuño procédese xa ao peche
completo.
Obrigan aos pacientes a organizarse para loitar pola súa
supevivencia. Temos hoxe aquí a persoas da plataforma de afectados
pola hepatite C que, a pesar de que algúns estaba cunha saúde moi
precaria, decidiron e saíron á rúa para defender o dereito a
vivir. Porque inicialmente o goberno negáballes o tratamento e de
modo privado, dado o seu prezo, só uns poucos poderían conseguilo.
Queremos agradecervos a vosa loita porque ao final foi e é unha
loita de todos para recuperar e defender os nosos dereitos.
Temos aquí tamén a persoas que viron como morreron de meninxite
dúas persoas, dous veciños, e colleron medo. Quen non! Non podía
ser doutra maneira. Organizáronse e montaron unha plataforma en
Arteixo para pedir que a vacina da meninxite B se inclúa no
calendario oficial. Para que a xente deixe de desprazarse a Portugal
a mercar a vacina. Para que todo o mundo, rico ou pobre, con coche ou
sen él, poida acceder á vacinación simplemente indo ao seu centro
de saúde.
Desde SOS queremos agradecer estas loitas porque son loitas que van
favorecer a toda a poboación.
Agradecemos tamén a presenza neste acto aos grupos da nova
corporación municipal de A Coruña.
O 24 de maio foron as eleccións municipais e na Xerencia do Hospital
estiveron calados como petos ata o día 25. Ese luns pola mañá
empezaron a informar ás plantas do hospital que tiñan pensado
pechar. Non dixeron nin pío ata ese día, non fose que non lle
gustase á cidadanía. Non lles pagou a pena. O desastre electoral
foi maiúsculo.
A xente, farta de corrupción, de recortes, de abusos e de
incompetencia botou ao PP de moitos espazos de poder.
A xente decidíu que entrase aire fresco nas institucións e que se
abrise un periodo novo no que o diálogo, a participación e a
transparencia fosen protagonistas. Desde SOS esperamos que sexa así,
que se conte con todo o mundo (non só cos da rede interna) e que poidamos entre todos darlle a volta
a este desastre social que estamos vivindo.
Pedimos ao Sergas e á Xerencia do Hospital que aprendan dos novos
tempos, que deixen de facer recortes e que poñan ao hospital
dispoñible en toda a súa capacidade de camas e de actividade tanto
médica como cirúrxica. E que deixen de bloquear as consultas nos
centros de saúde.
SOS Sanidade Pública vai continuar denunciando cada recorte, cada
privatización e cada dereito que nos queiran sacar.
Berremos todos moi forte:
RECORTES NON, SAÚDE SI
GRAZAS A TODAS AS PERSOAS ASISTENTES. XUNTOS DEFENDEMOS A SANIDADE
PÚBLICA, DEFENDEMOS OS NOSOS DEREITOS A UNHA VIDA SAN E DE CALIDADE
UNHA APERTA