Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018

mércores, 20 de decembro de 2017

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia a mala situación da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital da Coruña


Recollemos aquí o comunicado do Movemento Galego da Saúde Mental sobre a Unidade de Hospitalización psiquiátrica de A Coruña:

A PESAR DO DENUNCIADO NON HAI NINGUNHA MELLORA NA UNIDADE
DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA DA CORUÑA

Hai dez meses o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou publicamente o estado no que se atopaba a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña.
Salientamos, naquel momento, as inaceptables e discriminatorias condicións físicas das habitacións (a metade dos pacientes debían usar baños colectivos), os déficits severos de funcionamento e de organización da actividade asistencial (carecíase de instrumentos para a participación e coordinación dos diferentes profesionais), a infradotación profesional según os estándares dos documentos planificadores da propia Consellería de Sanidade, os déficits de transparencia na xestión, e a incalificable aplicación da contención mecánica a pacientes (inmobilización das persoas mediante suxeición ás súas camas) que se estaba a realizar nunha habitación colectiva de tres camas, violentándose deste xeito os seus dereitos máis básicos.
http://movementogalegosaudemental.gal/page/13/ 
En datas recentes o MGSM tivo coñecemento de que na devandita Unidade se sostivo no mesmo tempo en condicións de contención mecánica a seis persoas ingresadas, con ocupación plena do cuarto que dispón de tres camas para a suxeición sendo contidas nel simultaneamente tres persoas, e que un deses pacientes permaneceu nesa situación varios días.
Sóubose tamén que, a pesar da sua gravedade, ningunha das carencias denunciadas foi resolta neste tempo pola Xerencia da Área da Coruña.
O feito de que ata seis persoas se atoparan suxeitas en contención mecánica nunha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de 32 plazas, e que tres foran no mesmo cuarto, é incalificable. Constitúe un indicador moi preocupante do funcionamento desa Unidade, do grao de vulneración dos dereitos humanos que sofren os pacientes tratados dese xeito, e das penosas condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo. Ponse así de manifesto a reiterada incapacidade dos xestores dese Hospital para cumprir coas obrigas propias do seu cargo.
Sempre se afirma, por quen dirixe os centros sanitarios e polos profesionais que neles traballan, que a contención mecánica é un medio indesexable, que só se xustifica como  último recurso ante aqueles estados non previbles de alteración condutual das persoas ingresadas que poden crear riscos graves e cando esas alteracións non poideran modificarse por outros medios. Para seren cribles esas afirmacións, debera disporse dos medios (dotacións materiais e profesionais suficientes, espazos adecuados, actividades terapéuticas, formación dos profesionais e organización asistencial apropiada) para que a contención mecánica non chegue a ter lugar. O termo "último recurso" só ten sentido se antes os recursos necesarios están implantados e, neste caso, esa xustificación só son palabras baleiras.A contención mecánica é unha actuación sobre a persoa que reduce a súa autonomía
ao mínimo imaxinable (en rigor só ao espazo que fisicamente ocupa o seu corpo), que ten efectos daniños que potencialmente poden ser moi graves, que conmove, incomoda e dana con moita frecuencia a quen se lle encomenda realizala (persoal de enfermería), que está cuestionada por amplos sectores de pacientes e profesionais da saúde mental ao longo do mundo e dos tempos e ante a cal, explicitamente, se reclama dende diferentes instancias a súa abolición.
Debe impedirse que nesa Unidade se sosteña por máis tempo a situación denunciada. Cómpre definir polos profesionais os plans e os recursos necesarios para a prevención e superación da práctica da contención mecánica en tódolos espazos asistenciais psiquiátricos. A Consellería de Sanidade debe prever no futuro Plan Galego de Saúde Mental as accións necesarias para a súa erradicación e poñer os medios necesarios para que non chegue a ser xustificable o argumento de "último recurso".
A sociedade e os seus representantes deben tomar esta cuestión nas súas mans definindo explicitamente que o obxectivo é a súa abolición, e vencellando o mesmo á  mellora na atención á saúde mental da poboación e ao progreso na defensa da dignidade humana. Cómpre facelo porque afecta ós dereitos fundamentais das persoas, porque estamos moi atrasados nesta cuestión respecto a outros lugares do mundo, porque moitos dos afectados/as directamente por ela e amplos sectores profesionais véñeno reclamando hai tempo, porque a acumulación de información sobre os seus efectos debuxa unha realidade temible, porque existen experiencias exitosas de redución e superación da mesma, e porque é o mais antigo e máximo expoñente da violencia que aínda pervive na atención psiquiátrica, e que a pesar dos progresos, aínda hoxe en pleno século XXI, se resiste a desaparecer.
 
                                                                                              En Santiago a 19 de decembro de 2017
 
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
 
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. A súa Declaración Fundacional está asinada por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns e cidadás que a comparten, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores, Lenda), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría, Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais, Asociación Galega de Pais e Nais Separados, Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, Radio Prometea.
 
http://movementogalegosaudemental.gal/
https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental
https://twitter.com/MGSaudeMental