Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018

xoves, 9 de febreiro de 2017

Un suicidio e unha denuncia por agresión sexual en Conxo!!

Un suicidio e unha denuncia por agresión sexual en Conxo!!. Algo tiña que pasar cando os recortes e o deterioro dos servizos é a xestión que prioriza o Sergas.

Reproducimos o comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental:

Hai tres anos que dende o Movemento Galego da Saúde Mental, na nosa primeira declaración, chamamos a atención sobre o deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia.
Sinalamos como causas máis destacadas dese deterioro os recortes sanitarios e as formas de xestión sen planificación e obstaculizadoras da participación dos profesionais da Sanidade Pública no facer cotián dos servizos e unidades asistenciais.
Tamén salientamos que como consecuencia diso se estaba a comprometer a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes.
Recentes acontecementos na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo materializaron desgraciadamente estes pronósticos. O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) son cuestións de indudable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado.


Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente dende diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Sen embargo, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir.
Os acontecementos que hoxe motivan este comunicado público teñen unha dolorosa dimensión humana. Se se poden previr, non poden aceptarse silenciándoos ou permanecendo pasivos ante os mesmos, e menos aínda por profesionais da saúde mental. A sociedade ten dereito a saber o que ocorre nos servizos públicos que sustenta co seu esforzo.
Feitos así deben ser coñecidos publicamente, e tamén han de ser tratados polos responsables do SERGAS como graves indicadores de que algo vai moi mal na atención á saúde mental.
A sua prevención futura esixe a adopción de inmediato das medidas oportunas, recollendo as aportacións dos profesionais, en particular de Enfermería, para a mellora da calidade da hospitalización psiquiátrica. E iso non se logrará con meras medidas de reforzamento do control dos pacientes ou de aumento da coerción sobre os mesmos. Polo contrario, esa prevención debe realizarse reforzando a finalidade terapéutica da hospitalización e o respecto aos dereitos fundamentais das persoas, dotando de profesionais suficientes e coa cualificación adecuada a esas Unidades (con especial urxencia debe dotarse a terapia ocupacional e profesionais de enfermería), implantando nelas formas de traballo participativas e coordinadasentre tódolos profesionais, definindo protocolos e instrucións de traballo claras ante os potenciais riscos, e rexistrando documentalmente de xeito sistemático a actividade desenvolvida por tódolos profesionais que prestan asistencia.
Diversos compoñentes da calidade asistencial na sanidade se viron afectados pola xestión que se fixo da crise económica. En concreto, nos casos que aquí denunciamos destacan as intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria, a vulneración do seu dereito a tratamentos e coidados sanitarios acordes cos coñecementos actuais e en igualdade cos demais pacientes e usuarios, e o escaso respecto aos seus dereitos
fundamentais e sanitarios.


domingo, 5 de febreiro de 2017

O baixo status socioeconómico produce enfermidade e morte. Nas nosas mans (e políticas) está cambialo. Publicado no LANCET

O papel dos determinantes sociais da saúde na produción de enfermidade e na mortalidade, máis datos sobre o mesmo.

O Plan de acción 2013-2020 da OMS para a prevención de enfermidades crónicas non infecciosas define 7 obxectivos principais:

- Insuficiente actividade física
- Tabaquismo
- Hipertensión arterial
- Inxesta de sal
- Diabete
- Obesidade
- Alta inxesta de alcohol
Refírese a isto como os factores de risco 25 x 25, co obxectivo xeral de reducir a mortalidade prematura por enfermidades crónicas non infecciosas nun 25% para o ano 2025.

No pasado, os factores socioeconómicos coláronse nos informes globais das axencias internacionais como se viu no informe da Comisión da OMS sobre Determinantes Sociais da Sasúde no 2008 e na Declaración de Río sobre Determinantes Sociais da Saúde.

De todos modos, a pesar de que o baixo status socioeconómico é un dos máis fortes preditores de enfermidade e mortalidade no mundo, as pobres circunstancias socioeconómicas, non forman parte das estratexias preventivas modificables.

Pero SI son modificables tanto a situación socioeconómica como as súas consecuencias sobre a mortalidade con políticas no plano local, estatal e internacional.

O artigo publicado na revista LANCET en xaneiro de 2017 vén confirmar de novo a importancia de actuar sobre a variable socioeconómica e non dedicarnos só a baixar a tensión arterial ou a adelgazar, aspectos importantes de por si, pero insuficientes na estratexia de saúde pública.

Pódese acceder ao texto do artigo na seguinte ligazón:


Neste estudo participaron 1751479 persoas de Inglaterra, Francia, Suiza, Portugal, Italia, Estados Unidos e Australia.

O risco de mortalidade foi como mínimo un 38% maior (HR homes 1,42 IC 95%1,38-1,45) para os homes e un 28% para as mulleres (HR mulleres 1,34 IC 95% 1,28-1,39) con baixo estatus socioceconómico en relación cos de alto status socioeconómico.


A repercusión na poboación (medida como fracción atribuible poboacional) é importante xa que se se combate a variable baixo status socioeconómico reduciríamos como mínimo un 17,63% a mortalidade nos homes e un 12,76% nas mulleres). O beneficio maior obtense coa redución do tabaco nos homes (cunha redución mínima do 26,90% da mortalidade na poboación exposta e nas mulleres coa inactividade física (un mínimo do 20,42%).
Hai que fixarse que a mellora da situación económica ofrecería un maior impacto de redución da mortalidade na poboación que a redución da hipertensión arterial, diabetes ou mesmo obesidade.

 O baixo estatus socioeconómico (agrupando homes e mulleres) foi asociado tamén a 2,1 anos de vida perdidos entre as idades de 40-85 anos mentres se perden 0,5 anos de vida por alta inxesta de alcohol, 0,7 por obesidade, 3,9 por diabete, 1,6 por hipertensión, 2,4 por inactividade física e 4,8 por fumar.


Estudos como este orientan as estratexias eficaces de saúde pública e por onde deben ir as políticas.