O
pazo de María Pita acolleu esta mañá a constitución do Consello Local
da Saúde, un ente de carácter consultivo, que supón un avance na
consolidación da Coruña como cidade saudable. Presidido polo alcalde,
Xulio Ferreiro, e integrado por distintas entidades do ámbito da saúde,
ten como obxectivo crear un novo espazo de participación e debate no que
acordar e impulsar propostas neste ámbito, así como poñer en marcha
accións orientadas á mellora da calidade de vida da cidadanía. Impulsado
polo goberno local e, en concreto, pola Concellería de Xustiza Social e
Coidados, o Consello da Saúde conta neste momento coa adhesión de 28
asociacións e federacións do ámbito socio-sanitario, ademais da
representación do goberno local e do resto de formacións con
representación na corporación municipal. O rexedor salientou ante os
medios que este novo órgano "debe servir como lugar de encontro e de
diálogo para o deseño de políticas, especialmente de prevención que é o
onde temos máis competencias, pero tamén como foro no que traer
discusións sobre temas capitais como, por exemplo, a solución máis
acaída para a necesaria ampliación do Chuac ou as súas necesidades
actuais ".
Ferreiro tamén destacou o feito de que a iniciativa do Consello Local
da Saúde "obtivo unha gran resposta dende o primeiro día por parte das
entidades socio-sanitarias da cidade así como polo resto de formacións
políticas con representación na corporación". "Hai asuntos de cidade nos
que é necesario que todos rememos do mesmo lado, a saúde é un deles",
apuntou.
Cidade de Coidados
Pola súa banda e durante o acto de constitución, a concelleira de
Xustiza Social, Silvia Cameán, salientou que o Consello Local da Saúde é
un novo paso dentro da liña de actuación posta en marcha polo goberno
local para promover e protexer a saúde o benestar da veciñanza de cara
"á consolidación da Coruña como unha Cidade Saudable, unha cidade que
coida de todas as persoas que viven nela". "Neste tempo implementamos
unha Renda Social Municipal que permite cubrir as necesidades básicas
das persoas, melloramos o plan de prevención de drogodependencias
mediante a posta en marcha de novas accións comunitarias como Educación
na rúa ou a permuta de sancións a menores por consumo de alcohol por
cursos de sensibilización, incrementamos os programas educativos que
traballan hábitos saudables e abrimos os patios dos colexios en período
non lectivo para fomentar o deporte e outras alternativas saudables",
enumerou. "Fixemos moitas cousas, pero debemos seguir facendo, xa que a
nosa cidade necesita que sigamos construíndo ferramentas e facendo
camiño. Temos grandes retos, como o forte envellecemento ou a saúde
mental e debemos afrontalos dende a coordinación coa rede sanitaria e
socio-sanitaria", indicou, á vez que recordou que o Consello Local da
Saúde queda suxeito á incorporación de máis colectivos, se así o
solicitasen.
Ademais de representantes do goberno local e do resto de formacións
da Corporación, o Consello Local de Saúde quedou constituído coa
participación dos sindicatos CCOO, UGT, CIG e CSIF, ademais da Facultade
de Ciencias da Saúde e de Fisioterapia da UDC, os colexios oficiais de
Fisioterapeutas de Galicia, o de Farmacéuticos, Médicos, Odontólogos e
Estomatólogos da Coruña, Traballo Social e Psicoloxía de Galicia, Cruz
Vermella, Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña, Asociación de
Axuda a Familiares de Drogodependentes, Asociación de Nenos con Déficit
de Atención e Hiperactividade, Asociación Cidadá de Loita contra a
Droga, Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, Asociación
Parkinson Galicia, Asociación Galega de Fibrosis Quística, Asociación
Coruñesa de Epilepsia, Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña,
Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, Liga Reumatolóxica
Galega, Agalure, Asociación Coruñesa de Fibromialxia e Fatiga Crónica e
SOS Sanidade Pública.