A Plataforma de defensa e
mellora da sanidade pública de A Coruña SOS Sanidade Pública apoia aos
pacientes con infección do virus da hepatite C no seu obxectivo de poder
acceder aos novos tratamentos. SOS Sanidade Pública pide á cidadanía que faga
súa a reivindicación dos afectados pola hepatite porque non podemos permitir
que o negocio da industria farmacéutica e o abuso e despotismo dos nosos
gobernantes impidan aos pacientes a posibilidade de curarse.
Estamos falando dunha enfermidade que pode acabar en cirrose e
hepatocarcinoma e hai agora tratamentos curativos nun 90-95%, e con poucos
efectos secundarios. Non falamos neste momento de benestar ou de calidade de
vida. Falamos de vida e morte de pacientes que están ao noso carón e dun
goberno, o galego e o español, que recortan e negan tratamentos cunha frialdade
propia de psicópatas.
A hepatite C está provocando arredor de catro mil mortes ao ano en
España, entre 10 e 15 cada día, e podemos contar cunha prevalencia do 1,7% da
poboación galega. Son moitos miles de persoas os afectados pola hepatite C. Ata
a aparición dos novos fámacos a medicina só podía ofrecer a estes pacientes
tratamentos máis inseguros e menos eficaces e, se o tratamento fracasaba, só
quedaba o transplante hepático. Neste momento existe a posibilidade de curar á
maior parte dos afectados e practicamente erradicar a enfermidade.
O discurso do goberno e da conselleira de sanidade é falso. Minten
cando din que darán o tratamento aos pacientes a quen llo prescriban os
médicos. A realidade é que o propio goberno ditou normas que impiden aos
médicos dar o tratamento a moitos pacientes e os que entran nos criterios do
goberno teñen mil trabas burocráticas para poder acceder ao mesmo. Hai
pacientes aos que se lles podería dar estes fármacos segundo os criterios
gubernamentais que recibiron a prescrición dos facultativos en outubro e aínda
a día de hoxe non o recibiron e algúns nin saben se o van recibir. Demasiadas
falsedades. Demasiado cinismo. Resulta increíble o discurso do goberno de Feijoo.
Un tratamento que cura unha enfermidade ten que ser accesible a todos
os pacientes na sanidade pública. O que agora pasa e pase coa hepatite C ocorrerá
cos futuros tratamentos do cancro ou doutras infeccións. A loita da plataforma
da hepatite C é a nosa loita, a loita de todos en defensa da sanidade pública,
en defensa da saúde. En defensa da vida.
Ramón Veras Castro, en representación da Plataforma SOS Sanidade
Pública de A Coruña (696394788)