Mobilidade e a convivencia de peóns e bicicletas
Copiamos a entrevista feita por Erik Dobaño a Roberto Rilo, da asociación ciclista Crunia, e Luis García, en representación da asociación galega de prevención do glaucoma, e membro de SOS Sanidade Pública.
Na entrevista percíbese a reflexión e o respecto co que os dous, Roberto Rilo e Luis García, enfrontan problemas como mobilidade, tráfico, bicicleta, peóns, saúde. Todo un conxunto de aspectos da vida diaria vistos con amabilidade e con solucións.
O link á web (Laduda.net) onde está a entrevista é: Ver en Laduda.net
ERIK DOBAÑO / Gañar espazo aos coches no asfalto e
deixar todo o espazo das beirarrúas para os peóns. Unha proposición
simple e suficiente para Roberto Rilo (Bos Aires, 1962), presidente da
Asociación Ciclista Crunia e funcionario de profesión, e Luis García
Gómez (A Coruña, 1946), representante da Asociación Galega para a
Prevención do Glaucoma e profesor xubilado, que demandan unha visión
global da mobilidade na Coruña, abaratar o transporte público e mellorar
as frecuencias dos buses para ir rebaixando o uso privado do coche.
Peóns e ciclistas danse a man na procura dunhas rúas habitables e útiles
para todos.
–Cal é a vosa experiencia cando vos movedes pola cidade? Que problemas atopades?
Luis García (L.) –Non podo conducir, pola miña
discapacidade visual, así que móvome no transporte público e a pé. O
primeiro que me gustaría subliñar é que non debería haber enfrontamento
entre ciclistas e peóns. Os problemas son sinxelos de resolver, e por
iso nos alegra que haxa desde a outra parte xente coma o de Crunia que
comparten este punto de vista. No caso dos afectados polo glaucoma,
perdemos visión lateral e calquera despiste pode ser grave. Houbo
ingresos hospitalarios por atropelo nas beirarrúas, por ciclistas.
Roberto Rilo (R.) –Normalmente móvome en moto ou en
bicicleta, moi pouco en coche. Despois de moito tempo circulando en
bicicleta, noto unha pequena evolución. Mellorou o respecto aos
ciclistas. Eu son dos que sempre circulo por asfalto e considero que ese
é o espazo que lle corresponde aos ciclistas. Non as beirarrúas. As
normas non o permiten, parece que é algo que se ignora. Un ciclista é
perigoso para os peóns, especialmente para a xente maior, os nenos ou
persoas con problemas de visión.
L–Un atropelo dun peón por parte dun ciclista é como si che caira enriba desde unha altura de case un metro. Ese é o impacto.
R–No caso dos ciclistas o perigo está nos coches. O que recomendo é
que se comuniquen co resto de condutores sinalizando cada manobra,
utilizando sistemas de alerta con luces, mesmo hai cascos que incorporan
estes dispositivos. Se tes certa habilidade, non é perigoso. Pero
entendo que o medo leva a algúns ciclistas a circular polas beirarrúas.
–Que botas de menos como peón na cidade?
L–Pois por exemplo, que non se corrixan determinadas condutas dalgúns
ciclistas que creo que desprestixian ao colectivo. Tamén boto de menos á
policía de proximidade, e que se desenvolva un plan de mobilidade,
houbo moitos e moi caros. E tamén que se teña en conta ás asociacións de
persoas con discapacidade no consello municipal de mobilidade, que inda
non se convocou, e se atendan demandas coma as nosas nas ordenanzas
municipais.
–Algo respecto do tráfico?
L–Gustaríame que houbese máis frecuencias nos autobuses urbanos,
ampliáronse percorridos, pero non as frecuencias. En canto aos coches,
estaría ben que os semáforos lle concederan máis tempo aos peóns e que
se calmara o tráfico no centro.
R–Estou completamente de acordo no asunto do tempo dos semáforos.
Vexo ben que se vaian facendo peonís máis rúas. O problema na Coruña é o
funil nos accesos. As horas punta son críticas para un ciclista.
–Como ves a solución dos carrís bici?
L–Creo que do que se trata é de que as bicis compartan o asfalto cos
coches. A cidade está feita. Nas zonas que se vaian creando, podería
ser. Pero o máis razoable é que todos os vehículos compartamos a calzada
e as beirarrúas sexan dos peóns.
–Gañar espazo aos coches. Pero os peóns pensarán tamén en gañar espazo ao asfalto?
L–Se o espazo é das beirarrúas é so para os peóns, chegaría co que
hai. Inda que habería que educar aos peóns para que sexan conscientes de
que teñen que axudar a unha circulación fluída. Logo están eses outros
vehículos, os dos patinadores ou dos skaters…
R–O que se pode facer, e xa se fixo noutras cidades en Europa e
España, é habilitar un carril duns dous metros entre a beirarrúa e o
resto de carrís no que teñan preferencia as bicicletas. Basta con pintar
liñas e sinais no chan. Melloraría a seguridade de todos. Os carrís
bici que hai teñen utilidade lúdica, pero non son unha solución para
moverse.
L–É certo que non é unha solución de mobilidade, mais aos peóns
dannos certa seguridade porque quedan ben definidos os espazos de cada
un.
–Imos moi rápido ou moi lento cara esas cidades con transporte limpo, tráfico calmado, con menos coches?
L–O coche é unha realidade que levará moito tempo erradicar. Habería
que avanzar máis en cambiar hábitos e mellorar o resto de modos de
transporte. Pero xa se pode ir camiñando e co bus urbano a calquera
parte da Coruña.
R–En calquera cidade media, non so nesta, está comprobado que leva
menos tempo desprazarse en bici dun punto a outro que facelo en coche.
Imos na dirección de que se use menos o coche. Pero poderíase ir máis
rápido. Por exemplo, poñendo fin ao aparcamento en dobre fila. Está por
todas partes, e é porque sae gratis. Xa non é unha cuestión de
educación. Ou tamén, abaratando moito máis o transporte público.
–Fan falta máis zonas peonís?
L–Xa dixen que, si se usa ben, o espazo para os peóns nesta cidade é
suficiente. Si fas máis zonas peonís, estás indo contra outros usos.
R–Na miña opinión, penso que máis que promover novas zonas peonís hai
que promover máis o uso da bicicleta. Cantas máis bicicletas, menos
coches. No caso dos peóns, ao mellor bastaría con darlle preferencia en
determinados puntos de interxección, penso por exemplo nos semáforos de
Catro Camiños.
–En canto a iluminación, como afecta á mobilidade de peóns e ciclistas na Coruña?
L–Hai zonas agresivas, cun impacto excesivo da iluminación polos
dispositivos de publicidade especialmente. Ocorre no Obelisco. Logo hai
rúas moi mal iluminadas ou nas que de repente non hai luz a certas
horas. Sucede na rúa do Socorro.
R–Cando se toman decisións de como iluminar a cidade deberíanse facer
antes estudos serios. Lembrades aquelas lámpadas cara o ceo no Paseo
Marítimo? Vaia desperdicio!
–Como son os condutores na Coruña desde o punto de vista dun ciclista e dun peón?
R–Os condutores son bastante respectuosos. Pero habería que
conciencialos máis nalgúns hábitos. Mesmamente, como abrir a porta do
condutor para saír do vehículo. Se utilizamos a man dereita ao saír,
teremos máis visibilidade.
L–Concordo, os condutores son bastante respectuosos.
–Como hai que abordar a mobilidade nunha cidade coma esta?
R–Pois eu hai tempo que empecei a elaborar un
borrador sobre boas prácticas de mobilidade. Gustaríame que se
comprometeran as administracións, as autoescolas, os taxistas, a
compañía de tranvías, os clubs ciclistas, os colectivos que atenden a
necesidades específicas dos peóns… Con respecto e gañas de aprender,
empezaremos a saber compartir o espazo.
L–Si, precísase unha visión de conxunto. Coches, bicis e peóns formamos un triángulo e hai que buscar unha solución para todos.
–Como responden as autoridades ás vosas demandas?
R–Creo que a anterior concelleira de mobilidade, Begoña Freire, foi
até o de agora a que máis fixo. Puxéronse zonas a 30, luces ao nivel do
asfalto, mesmo semáforos no que o indicador de cruce é unha bici, está
en Catro Camiños. O actual, Daniel Grandío, parece ben disposto. Á
reunión que tivemos acudiu en bici, creo que a usa habitualmente.
L–Nos fomos sempre ben recibidos, déronnos moita información e
explicacións. Aprendemos moito. Pero non apreciamos avances
significativos. A ver se conseguimos que se poña en marcha ese consello
municipal de mobilidade.