Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018
Amosando publicacións coa etiqueta bicicleta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta bicicleta. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de marzo de 2017

Peóns, Ciclistas e Mobilidade: Palestra na Semana Mundial do Glaucoma.

Participan Luis García, da Asociación Galega de Prevención do Glaucoma, Jeanne Picard, de Stop Accidentes, Roberto Rilo, da Asociación Ciclista Crunia e Daniel Grandío, Concelleiro de Mobilidade. 

Presenta Erik Dobaño, de EntreNós. Vídeos cortesía de EntreNós

Luis García, defensor da bicicleta como vehículo ecolóxico, "fala do dereito das persoas con glaucoma ou outras causas de baixa visión, a usar o espazo público en condicións de igualdade"
"A seguridade non é unha entelequia, é un factor determinante da saúde"
"Estamos preocupados en concreto polas bicicletas nas beirarrúas, que son unha ameaza para a seguridade"
"Precisamos un lugar de encontro entre peóns e ciclistas, buscando unha cidade amigable para todos"


Jeanne Picard, pide incluír a visión da velocidade, a necesidade da responsabilidade social e das familias e móstrase a favor da peonalización da cidade.


Roberto Rilo pide unha utilización correcta e respectuosa da bicicleta na cidade e argumenta contra os falsos mitos para non usar a bicicleta.



Daniel Grandío aboga por un Pacto e u Plan de Mobilidade que trascenda as citas electorais, para evitar solucións parciais a curto prazo, un Plan que trascenda tamén os límites da cidade e que abarque a área metropolitana, con máis transporte público e favorecendo o uso racional do automóbil.
O Pacto pola mobilidade debe ser amplo xa que os problemas son multifactoriais, afectan a varias administracións -multicompetenciais-, e ademais depende tamén e dun modo fundamental da actitude da cidadanía.
Mostrouse satisfeito co incremento continuo do uso da bicicleta na Coruña.




martes, 14 de marzo de 2017

Peóns, Ciclistas e Mobilidade: Palestra na Semana Mundial do Glaucoma, no ÁGORA



 Nota de prensa

Jeanne Picard e Daniel Grandío, na Palestra de Mobilidade que organiza a  Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma o martes 14 no Ágora

Dentro dos actos da Semana Mundial do Glaucoma, que se celebra entre o 12 e o 18 de marzo, a Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma organiza na Coruña unha palestra sobre os problemas cotiáns de mobilidade no espazo urbano dos afectados por esta enfermidade que dana a visión.

A palestra contará coa participación de Jeanne Picard, presidenta de Stop Accidentes e experta en cuestións de mobilidade peonil; de Daniel Grandío, o concelleiro de Mobilidade do Concello da Coruña, e de Roberto Rilo, presidente da Asociación de Ciclistas Crunia. Con eles conversará Luís García, responsable na Coruña da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma.

A palestra celebrarase o martes día 14 de marzo no Centro Ágora e comezará ás 19.30 horas. Para a organización desta acto, a Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma contou coa colaboración da Asociación de Ciclistas Crunia e de tres medios de comunicación dixitais da cidade: Coruña hoy, Entre Nós e La duda.net.                                                              

Na Coruña, 9 de marzo de 2017


Peóns, ciclistas e mobilidade. Palestra no Ágora
Martes 14 de marzo
19.30 horas
Centro Ágora


Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma
Luís García: 650 85 64 45

domingo, 12 de marzo de 2017

14 de marzo: Mobilidade e Baixa visión, a Palestra da Semana Mundial do Glaucoma

Os problemas das persoas con baixa visión non son coñecidos habitualmente polo resto das persoas. No glaucoma falta visión periférica, ou sexa, calquera situación que non aparece de fronte a unha persoa con glaucoma será algo 'sorprendente' e 'co que non conta'. 

Pode un ciclista poñerse no caso da persoa con glaucoma? Pero non só con glaucoma, calquera con baixa visión e calquera que non teña uns reflexos e capacidade altas poden sufrir un traumatismo, que se é unha persoa maior quizais supoña unha fractura de cadeira.

Os avances na mobilidade 'ecolóxica' non poden supoñer, por mal uso das rúas e beirarrúas, un ataque aos dereitos das persoas en xeral, e moito menos daquelas que non dispoñen do cen por cento das súas capacidades. E destas hai moitísimas.

Debería ser unha preocupación prioritaria das autoridades.

Na Semana Mundial do Glaucoma, Luis García, portavoz na Coruña da asociación galega de prevención do glaucoma organiza, en colaboración coa asociación ciclista Crunia, unha palestra sobre mobilidade.

Jeanne Picard, de Stop Accidentes
Daniel Grandío, concelleiro de Mobilidade no Concello de A Coruña
Roberto Rilo, da Asociación de Ciclistas Crunia
Luis García, da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma.

Contarase tamén entre o público con representantes doutros grupos municipais da Coruña.

domingo, 29 de xaneiro de 2017

Peóns e bicicletas. Mobilidade e respecto para as persoas

Mobilidade e a convivencia de peóns e bicicletas

Copiamos a entrevista feita por Erik Dobaño a Roberto Rilo, da asociación ciclista Crunia, e Luis García, en representación da asociación galega de prevención do glaucoma, e membro de SOS Sanidade Pública.

Na entrevista percíbese a reflexión e o respecto co que os dous, Roberto Rilo e Luis García, enfrontan problemas como mobilidade, tráfico, bicicleta, peóns, saúde. Todo un conxunto de aspectos da vida diaria vistos con amabilidade e con solucións. 

O link á web (Laduda.net) onde está a entrevista é: Ver en Laduda.net


ERIK DOBAÑO / Gañar espazo aos coches no asfalto e deixar todo o espazo das beirarrúas para os peóns. Unha proposición simple e suficiente para Roberto Rilo (Bos Aires, 1962), presidente da Asociación Ciclista Crunia e funcionario de profesión, e Luis García Gómez (A Coruña, 1946), representante da Asociación Galega para a Prevención do Glaucoma e profesor xubilado, que demandan unha visión global da mobilidade na Coruña, abaratar o transporte público e mellorar as frecuencias dos buses para ir rebaixando o uso privado do coche. Peóns e ciclistas danse a man na procura dunhas rúas habitables e útiles para todos.
–Cal é a vosa experiencia cando vos movedes pola cidade? Que problemas atopades?
Luis García (L.) –Non podo conducir, pola miña discapacidade visual, así que móvome no transporte público e a pé. O primeiro que me gustaría subliñar é que non debería haber enfrontamento entre ciclistas e peóns. Os problemas son sinxelos de resolver, e por iso nos alegra que haxa desde a outra parte xente coma o de Crunia que comparten este punto de vista. No caso dos afectados polo glaucoma, perdemos visión lateral e calquera despiste pode ser grave. Houbo ingresos hospitalarios por atropelo nas beirarrúas, por ciclistas.
Roberto Rilo (R.) –Normalmente móvome en moto ou en bicicleta, moi pouco en coche. Despois de moito tempo circulando en bicicleta, noto unha pequena evolución. Mellorou o respecto aos ciclistas. Eu son dos que sempre circulo por asfalto e considero que ese é o espazo que lle corresponde aos ciclistas. Non as beirarrúas. As normas non o permiten, parece que é algo que se ignora. Un ciclista é perigoso para os peóns, especialmente para a xente maior, os nenos ou persoas con problemas de visión.  
L–Un atropelo dun peón por parte dun ciclista é como si che caira enriba desde unha altura de case un metro. Ese é o impacto.
R–No caso dos ciclistas o perigo está nos coches. O que recomendo é que se comuniquen co resto de condutores sinalizando cada manobra, utilizando sistemas de alerta con luces, mesmo hai cascos que incorporan estes dispositivos. Se tes certa habilidade, non é perigoso. Pero entendo que o medo leva a algúns ciclistas a circular polas beirarrúas.
–Que botas de menos como peón na cidade?
L–Pois por exemplo, que non se corrixan determinadas condutas dalgúns ciclistas que creo que desprestixian ao colectivo. Tamén boto de menos á policía de proximidade, e que se desenvolva un plan de mobilidade, houbo moitos e moi caros. E tamén que se teña en conta ás asociacións de persoas con discapacidade no consello municipal de mobilidade, que inda non se convocou, e se atendan demandas coma as nosas nas ordenanzas municipais.
–Algo respecto do tráfico?
L–Gustaríame que houbese máis frecuencias nos autobuses urbanos, ampliáronse percorridos, pero non as frecuencias. En canto aos coches, estaría ben que os semáforos lle concederan máis tempo aos peóns e que se calmara o tráfico no centro.
R–Estou completamente de acordo no asunto do tempo dos semáforos. Vexo ben que se vaian facendo peonís máis rúas. O problema na Coruña é o funil nos accesos. As horas punta son críticas para un ciclista.
–Como ves a solución dos carrís bici?
L–Creo que do que se trata é de que as bicis compartan o asfalto cos coches. A cidade está feita. Nas zonas que se vaian creando, podería ser. Pero o máis razoable é que todos os vehículos compartamos a calzada e as beirarrúas sexan dos peóns.
–Gañar espazo aos coches. Pero os peóns pensarán tamén en gañar espazo ao asfalto?
L–Se o espazo é das beirarrúas é so para os peóns, chegaría co que hai. Inda que habería que educar aos peóns para que sexan conscientes de que teñen que axudar a unha circulación fluída. Logo están eses outros vehículos, os dos patinadores ou dos skaters…
R–O que se pode facer, e xa se fixo noutras cidades en Europa e España, é habilitar un carril duns dous metros entre a beirarrúa e o resto de carrís no que teñan preferencia as bicicletas. Basta con pintar liñas e sinais no chan. Melloraría a seguridade de todos. Os carrís bici que hai teñen utilidade lúdica, pero non son unha solución para moverse.
L–É certo que non é unha solución de mobilidade, mais aos peóns dannos certa seguridade porque quedan ben definidos os espazos de cada un.
–Imos moi rápido ou moi lento cara esas cidades con transporte limpo, tráfico calmado, con menos coches?
L–O coche é unha realidade que levará moito tempo erradicar. Habería que avanzar máis en cambiar hábitos e mellorar o resto de modos de transporte. Pero xa se pode ir camiñando e co bus urbano a calquera parte da Coruña.
R–En calquera cidade media, non so nesta, está comprobado que leva menos tempo desprazarse en bici dun punto a outro que facelo en coche. Imos na dirección de que se use menos o coche. Pero poderíase ir máis rápido. Por exemplo, poñendo fin ao aparcamento en dobre fila. Está por todas partes, e é porque sae gratis. Xa non é unha cuestión de educación. Ou tamén, abaratando moito máis o transporte público.
–Fan falta máis zonas peonís?
L–Xa dixen que, si se usa ben, o espazo para os peóns nesta cidade é suficiente. Si fas máis zonas peonís, estás indo contra outros usos.
R–Na miña opinión, penso que máis que promover novas zonas peonís hai que promover máis o uso da bicicleta. Cantas máis bicicletas, menos coches. No caso dos peóns, ao mellor bastaría con darlle preferencia en determinados puntos de interxección, penso por exemplo nos semáforos de Catro Camiños.
–En canto a iluminación, como afecta á mobilidade de peóns e ciclistas na Coruña?
L–Hai zonas agresivas, cun impacto excesivo da iluminación polos dispositivos de publicidade especialmente. Ocorre no Obelisco. Logo hai rúas moi mal iluminadas ou nas que de repente non hai luz a certas horas. Sucede na rúa do Socorro.
R–Cando se toman decisións de como iluminar a cidade deberíanse facer antes estudos serios. Lembrades aquelas lámpadas cara o ceo no Paseo Marítimo? Vaia desperdicio!
–Como son os condutores na Coruña desde o punto de vista dun ciclista e dun peón?
R–Os condutores son bastante respectuosos. Pero habería que conciencialos máis nalgúns hábitos. Mesmamente, como abrir a porta do condutor para saír do vehículo. Se utilizamos a man dereita ao saír, teremos máis visibilidade.
L–Concordo, os condutores son bastante respectuosos.
–Como hai que abordar a mobilidade nunha cidade coma esta?
R–Pois eu hai tempo que empecei a elaborar un borrador sobre boas prácticas de mobilidade. Gustaríame que se comprometeran as administracións, as autoescolas, os taxistas, a compañía de tranvías, os clubs ciclistas, os colectivos que atenden a necesidades específicas dos peóns… Con respecto e gañas de aprender, empezaremos a saber compartir o espazo.
L–Si, precísase unha visión de conxunto. Coches, bicis e peóns formamos un triángulo e hai que buscar unha solución para todos.
–Como responden as autoridades ás vosas demandas?
R–Creo que a anterior concelleira de mobilidade, Begoña Freire, foi até o de agora a que máis fixo. Puxéronse zonas a 30, luces ao nivel do asfalto, mesmo semáforos no que o indicador de cruce é unha bici, está en Catro Camiños. O actual, Daniel Grandío, parece ben disposto. Á reunión que tivemos acudiu en bici, creo que a usa habitualmente.
L–Nos fomos sempre ben recibidos, déronnos moita información e explicacións. Aprendemos moito. Pero non apreciamos avances significativos. A ver se conseguimos que se poña en marcha ese consello municipal de mobilidade.