A formación médica non pode depender da industria farmacéutica. A investigación tampouco. O sergas, desde a chegada de Feijoo ao goberno, conta cada día con máis presenza das empresas privadas. Chega a ser difícil, ás veces, ver onde remata o sergas e onde empeza a industria privada, sexa de servizos, tecnolóxica ou farmacéutica.
O sergas faise responsable minimamente da formación médica e os profesionais precisan unha actualización contínua. A profesión é moi esixente, os cambios rápidos e sen actualización o risco de erros aumenta.
Calquera empresa tería interese en formar aos seus profesionais e non deixarían isto en mans de empresas externas, sobre todo se están interesadas no negocio. Pois isto é precisamente o que fai o sergas, irresponsablemente. Como se ve nesta nova recollida da Opinión de A Coruña a industria non só financia congresos e actividades de formación aos médicos senón tamén fai doazóns ás fundacións hospitalarias relacionadas con formación e investigación e ao propio sergas.
A industria non fai doazóns de modo altruísta, como é lóxico. Faino porque ten interese en influír na prescrición médica. Isto non quere dicir que os médicos vaian receitar un medicamento que pensen que non está indicado pero precisamos unha formación médica independente de toda influencia das empresas interesadas.
O sergas debe facerse cargo desta formación e non aceptar a mediación da industria. Polo ben dos pacientes, polo ben dos seus profesionais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario