As xornadas de Vigo rematan lanzando o “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados”
As
xornadas “A privatización da Sanidade na Unión Europea”, -organizadas
por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en
Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda
Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), en colaboración coa
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e a Xunta
de Persoal da Área Sanitaria de Vigo-, que durante dous días reuniron na
cidade olívica a decenas de persoas pertencentes
ao sector sanitario galego, estatal e internacional, remataron este
sábado pola tarde co lanzamento do chamado “Manifesto pola recuperación
dos centros sanitarios privatizados”.
TEXTO do MANIFESTO:
MANIFESTO POLA RECUPERACIÓN DOS CENTROS SANITARIOS PRIVATIZADOS
As Plataformas e Organizacións que subscribimos este Manifesto:
1.- Denunciamos a privatización do Sistema Sanitario Público que
se esta producindo no Estado Español de xeito progresivo, no que a
denominada Colaboración Público Privada (CPP) representa un dos
alicerces fundamentais desta estratexia.
2.- Expoñemos que de acordo coa evidencia científica recollida no
Estado Español país e a nivel da Unión Europea, demostrouse que
estes modelos CPP supoñen un encarecemento moi importante da
atención sanitaria, un recortes de recursos, unha diminución da
calidade da mesma, e unha total ausencia de transparencia, avanzando
cara ás constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans
de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre.
3.- Como consecuencia rexeitamos estes instrumentos que só
benefician ao sector privado e que deberían ser reintegrados ao
sistema público.
4.- Consideramos que para conseguir este obxectivo é esencial a
mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das
administracións públicas, impulsando unha lexislación que garante
o carácter público da provisión e da xestión do sistema sanitario
público e derrogue a Lei 15/97
5.- Entendemos que a saúde ten unha dimensión multifactorial que
traspasa o Sistema Sanitario que ten que ver coa actuación pública
sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da
poboación e os profesionais do sistema sanitario.
6.- Queremos mostrar o noso compromiso a potenciar Unha Rede de
Organizacións e Plataformas que integren aos sectores sociais e
profesionais máis amplos , a nivel local, autonómico, estatal e
europeo contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar
novas privatizacións e promover a reintegración dos centros
privatizados mesmos ao sistema público.
Foto de Praza
O
manifesto, presentado polo presidente da Federación de Asociacións para a
Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública,
Manuel Martín, e impulsado polas plataformas
presentes no encontro, recolle seis puntos claves e a intención é, a
partir de agora, facelo circular para que reciba o apoio e a adhesión de
todas as organizacións sociais e políticas implicadas na loita pola
defensa dos servizos públicos.
Neses 6
puntos de consenso do Manifesto, amósase textualmente o “compromiso a
potenciar unha rede de organizacións e plataformas que integren aos
sectores sociais e profesionais máis amplos,
a nivel local, rexional, estatal e europeo contra a privatización dos
centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a
reintegración dos centros privatizados mesmos aos sistema público”.
Enténdese que a saúde ten “unha dimensión multifactorial
que traspasa o Sistema Sanitario, que ten que ver coa actuación pública
sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da poboación e
os e as profesionais do sistema”. Considera que é “esencial” a
“mobilización social e profesional, acompañadas da
intervención das administracións públicas” e rexeita “os instrumentos
que só benefician o sector privado e que deberían ser reintegrados ao
sistema público”. Denuncia que os modelos de Colaboración Público
Privada (CPP) supoñen “un encarecemento moi importante
da atención sanitaria, o recorte de recursos, a diminución da calidade
da mesma e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara á
constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de
multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre”. E denuncia
que esta CPP representa un dos alicerces fundamentais da estratexia de
privatización do Sistema Sanitario Público que se está producindo no
Estado español de xeito progresivo”.
A
eurodeputada Lídia Senra valorou, no peche, moi positivamente este
encontro que “pon de manifesto como os partidos que abrazan o
neoliberalismo están dispostos a promover reformas nos sistemas
públicos de saúde para convertela nun suculento negocio para as grandes
empresas e os investidores”. “Pola nosa parte poñeremos toda a carne no
asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado
contra a saúde das persoas, tanto colaborando
na divulgación do que está acontecendo como poñendo en marcha todas as
iniciativas que estean ao noso alcance para seguir facilitando debates
deste tipo e levando iniciativas ás institucións nas que estamos
presentes”, exclamou.
Máis
alá do colofón aos dous días de debate en Vigo co lanzamento do citado
manifesto, a xornada deste sábado arrancou a primeira hora da mañá cunha
mesa sobre “Experiencias de aplicación da CPP
no Estado español”, moderada polo representante da Plataforma para a
Defensa da Sanidade Pública de Cangas, Pepe Penelas, quen realizou un
chamamento a “rematar coa dependencia dos convenios público-privados” e a
artellar medidas efectivas para facerlle fronte
aos proxectos “privatizadores aplicados tanto polo PP como polo PSOE”.
Un dos
relatores no citado coloquio, Pedro Durán Mondejar, do Sindicato de
Médicos de Asistencia Pública (SIMAP) e da Asociación Cidadá para a
Defensa da Sanidade Pública de Valencia, expuxo
a situación na que se atopa o hospital de Alzira e denunciou que “a
mortandade e esperanza de vida nas áreas xeográficas nas que a xestión
da sanidade é privada é moito peor que nas que a xestión é pública”.
“Isto é o que nos debe de preocupar”, defendeu, para
atacar que “os medios de comunicación bombardean continuamente con que a
CPP é a panacea” e sen embargo a realidade é que nos modelos de
concesión “as Administracións teñen un escaso control do servizo
sanitario e convértense en verdadeiras axencias de colocación
de persoal afín”.
Na
mesma liña, Juan Antonio Ayllón Domínguez, presidente da Asociación
Sanidad Pública Si de Burgos, defendeu “como elemento clave” un “sistema
público universal e financiado por orzamentos públicos”
e advertiu de que “non imos cesar na loita pola recuperación do Hospital
Universitario de Burgos”. “Será unha utopía? Como di Galeano, é o que
nos fai camiñar cara ao horizonte”.
Montserrat
Seijas, da Plataforma pola Recuperación do Hospital Son Espases de
Palma de Mallorca, explicou a preocupante situación sanitaria nesta
comunidade e alertou de que “os sindicatos de
médicos e de enfermeiras están como adormecidos. O noso maior reto é
conseguir espertar a toda a cidadanía na defensa na sanidade pública”,
asegurou.
O
segundo coloquio-debate da mañá deste sábado abordou “Experiencias
internacionais da privatización sanitaria” con Sally Ruane, directora da
unidade de Investigación de Políticas de Saúde do
Departamento de Ciencias Sociais Aplicadas da Universidade de Montfort,
no Reino Unido; Vivi Paskhali, radióloga e membro do Consello Xeral da
ADEDY, Confederación dos Sindicatos de Empregados Públicos de Grecia; e
Henrique Botelho, coordenador nacional para
a reforma do Serviço Nacional de Saúde de Portugal na Área dos Coidados
de Saúde Primarios. Jesús Araújo, da Asociación Galega para a Defensa da
Sanidade Pública, moderador desta mesa, defendeu “pelexar por manter as
conquistas conseguidas no sector a nivel
galego e porque non se dea un paso atrás na sanidade pública”.
Paskhali
fixo un repaso polas agresivas políticas neoliberais que están a ser
aplicadas en Grecia e que teñen como consecuencia que “nos últimos anos
pecharon moitos hospitais, despediron ao
persoal e as unidades de saúde pública non son suficientes para cubrir
as necesidades da poboación, de xeito que a xente está guiada para ter
que pagar para poder acceder aos servizos sanitarios, estando ante unha
comercialización de servizos”, dixo.
Sally
Ruane explicou como afectou a crise financeira afectaou aos recortes no
sector público sanitario británico e como foi imposible obter fondos
públicos nos últimos anos para o desenvolvemento
de novos hospitais, o que derivou tamén no peche de moitos servizos. “En
Inglaterra hai hoxe hospitais creados con diñeiro privado que están a
pechar áreas simplemente porque non dan ganancias. Ao Goberno gústalle
este modelo porque permite construír sen aumentar
a débeda, pero ao mesmo tempo é moi custoso”, denunciou.
Henrique
Botelho na súa intervención atacou a quen entende a saúde “como unha
oportunidade de negocio. O portugués afirmou que “non é saudable
introducir medidas antiuniversalistas como se foran
solucións meramente técnicas” no ámbito sanitario, defendeu que o
Servizo Nacional de Saúde é a “grande conquista do Estado Social no noso
país” e explicou que a día de hoxe os esforzos se centrar en “intentar
relanzar a reforma que iniciamos no 2016”.
Despois
dunha pausa para xantar, na sesión da tarde desenvolveuse unha mesa
baixo o título “Funcionamento e resultados dos hospitais de CPP.
Resposta social e profesional”. Moderada por Ángel
Cameselle, presidente da Xunta de Persoal da Área de Vigo, as
intervencións correron a cargo de Marciano Sánchez Bayle, presidente da
Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid e secretario de
Organización da FADSP; José Vieira, da Plataforma para
a Defensa da Sanidade Pública de Cangas; e Manuel González Moreira,
portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública Vigo.
Ángel
Cameselle, tirou como conclusión destes dous días de “importantes”
xornadas en Vigo que “só a mobilización poderá frear que sigan existindo
modelos de financiamento privado sanitario” e
avogou por realizar no futuro unhas novas xornadas de unión na loita en
toda Europa.
Chío de Lidia Senra
Marciano
Sánchez Bayle, na liña, insistiu en que “a privatización incrementa os
custos de maneira exponencial, empeora a calidade da atención sanitaria e
reduce o persoal”. “No sistema sanitario
do Estado español somos líderes, si, líderes en transplantes do público
ao privado”, dixo. Para o madrileño, o “empeño privatizador débese a
ideoloxías dos fundamentalistas do mercado, a intereses de grandes
multinacionais que buscan nichos de rendibilidade
e a persoais dos xestores administrativos. “Épocas de desastre son de
grandes oportunidades para carroñeiros”, denunciou.
José
Vieira reclamou a necesidade de artellar “un gran movemento para que non
nos coman os ultraliberalistas que tomaron o goberno recentemente” e
tachou de “caso moi grave ou de ineptitude ou
máis ben intencionado” o sucedido en Vigo. “Había unha solución mellor,
dar lugar a un hospital público de referencia do sur de Pontevedra, con
1465 camas e todos os servizos, coa dimensión necesaria para solventar
todas as necesidade. Pero o que aconteceu
é que se deu lugar a un hospital privado con 845 camas”, denunciou.
Manuel
González Moreira defendeu que o modelo do Álvaro Cunqueiro supón menos
horas de enfermería e “máis complicacións” para os enfermos. “Os
recortes incrementan a mortandade. Máis coidados
de enfermería, menos mortandade , e aquí é xusto o contrario”, asegurou.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública
Ningún comentario:
Publicar un comentario