Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018
Amosando publicacións coa etiqueta privatización. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta privatización. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de xuño de 2018

SOS Sanidade Pública pide unha auditoría interna para avaliar as enormes transferencias económicas á sanidade privada desde o goberno de Feijoo

SOS Sanidade Pública pide unha auditoría para avaliar as enormes transferencias económicas á sanidade privada desde o goberno de Feijoo

 

Manifesto lido durante a concentración:

SOS Sanidade Pública convocou concentracións en toda Galiza, en cada área sanitaria, para denunciar a estratexia global de privatización do goberno de Feijoo.

Tiñámolo acordado antes da sentencia da Gürtel, antes de que Rajoy perdese o goberno e antes de que Feijoo, por fin, dese a cara e confirmase que quere ser aspirante a presidir o partido popular.

Acordamos estas concentracións para denunciar, máis unha vez, que o goberno galego -de Feijoo- ten unha estratexia de privatizar a NOSA sanidade pública.
Nestes 9 anos que leva de Presidente aplicouse a fondo.

Certo é que non é só a sanidade porque en Pontevedra non esquezamos que prorrogaron a concesión a ENCE, para seguir ocupando os terreos de todos e afumar e cheirar a cidade por decenas de anos, e que aquí na Coruña ben sabemos o que o PP quere facer cos terreos do porto, da Solana e os da maestranza. O PP converteu o ministerio de fomento, o de defensa e á mesma Xunta de Galicia nos maiores especuladores urbanísticos da cidade, querendo vender o que é de todos.

Pero volvamos á sanidade. Agora, neste momento político, temos aínda máis responsabilidade. Temos que dicirlle a toda España quen é Feijoo, recordarlles que non se diferencia en nada do seu querido Rajoy, que as súas políticas están arrasando Galiza e que fará o mesmo co resto de España, se o deixan.

Alguén dirá: Si pero el está de Presidente porque gañou as eleccións. Correcto, pero tamén é certo que a Gürtel xa estaba cando Rajoy arrasou no 2011 e volveu ser o máis votado por 2 veces no 2016. E a pesar diso, inexplicablemente, indecentemente, gañou. Pero os ventos cambiaron e nunha semana tanto Rajoy como o partido popular perderon o poder.

Lembremos algúns dos feitos de Feijoo coa sanidade pública galega:

1. Nada máis chegar en xuño de 2009 paralizou uns acordos de incremento retributivo do persoal do sergas, uns acordos que xa estaban publicados no DOG. E paralizou tamén a negociación da carreira profesional, avisando xa daquela o que lle esperaba ao persoal: reducións salariais, precarización da contratación, redución de persoal e grandes desigualdades retributivas ao haber uns con carreira profesional e outros sen carreira nestes 9 anos.

2. Feijoo tampouco quería perder pé das concesións privadas hospitalarias ás construtoras españolas, e entregou o novo Hospital de Vigo pola vía da Iniciativa de Financiamento Privado, como estaban facendo en Madrid ou en Valencia. Como resultado desta operación o sergas ten que pagar un canon anual de 66 millóns de euros durante 20 anos (é o hospital de Vigo pero lembrade que o pagamos todos), ao que hai que sumar unha verdadeira peaxe na sombra mes a mes por pagos non pactados previamente.

3. Despois do hospital de Vigo Feijoo xa estaba botado para diante e seguíu na súa liña. Privatizou a central loxística de compra e distribución de todo o material que se usa no sergas (e que ata ese momento facía o propio sergas), a electromedicina, a historia clínica (cos nosos datos sanitarios), o transporte programado, o transporte urxente, o mantemento xeral e tamén a compra de alta tecnoloxía por medio do chamado diálogo competitivo. O sergas deste modo entrega a planificación estratéxica e o coñecemento sobre as compras ás empresas privadas, das que pasa a depender. Só o contrato de alta tecnoloxía foron 88 millóns por 8 anos.

4. Recientemente, coa súa maioría absoluta no parlamento, modificou a lei galega de saúde para eliminar as áreas sanitarias do Salnés, o Barco, Monforte e a Mariña, deixando estes territorios sen planificación propia e afogando os seus hospitais comarcais.
Nesta lei tamén se crean estruturas de participación cidadá pero eliminando a función de evaluar a xestión dos directores do sergas e confírmase a política de introdución da empresa privada nas estruturas de investigación e de formación do sergas, que intentan orientar tanto os proxectos de investigación como a docencia dos nosos médicos e os outros profesionais cara os seus intereses.

5. A atención primaria, a máis cercana á poboación, o lugar onde se debe aplicar a prevención e a promoción de saúde, está desaparecida na política sanitaria de Feijoo, sendo absolutamente residual nos obxectivos deste goberno. Fan moitas declaracións de potenciar a atención primaria pero no último mes vimos como amortizaron unha praza máis de médico no centro de saúde San Xosé e acumularon os seus pacientes ao resto de médicos do centro.
Nos obxectivos deste ano o sergas pide que non tardemos máis de 5 días en atender aos pacientes no centro de saúde. Como é posible? É unha adaptación á realidade, a falta de substitucións, a política decidida por este goberno, impide que os pacientes poidan ser atendidos no día e normaliza a lista de espera tamén en atención primaria.

6. Cando se querían vender pisos o Estado desgravaba a compra de vivenda, agora Montoro, Rajoy e Feijoo queren vender sanidade privada e hai unha desgravación de 500 euros ao ano ás empresas por cada traballador ao que lle fagan unha póliza de sanidade privada. 500 euros que pagamos todos para que a empresa regale sanidade privada aos seus traballadores, no lugar de fortalecer a sanidade pública.


7. Este ano pechan na Coruña, no verán, 170 camas, un aumeno do 41,66% en relación co peche de camas do ano pasado.
Dos 18 quirófanos inaugurados por Feijoo só funcionan con normalidade pola mañá 15 e pola tarde só 3.
Mentres pasa isto, os nosos familiares son enviados a operar de cancro a Ferrol, Burela, Pontevedra ou Vigo ou a un centro privado, en aplicación do decreto de tempos máximos de espera. Este decreto di que as cirurxías deben facerse en 60 días e as consulta ou probas en 45 pero hai pacientes que no lugar de facerllo no CHUAC os mandan fóra de paseo ou a centros privados.

E mentres pasa isto,

O CHUAC fai unha transferencia de 20 millóns de euros ao ano a San Rafael, Quirón e Modelo.

Si, parece increíble pero é así. Vense facendo desde hai tempo por unha cantidade similar e por un procedemento negociado, moi pouco transparente. Agora hai un acordo marco para 4 anos de concertación de 72 millóns 220 mil euros e unha salvagarda de 25 millóns trescentos mil euros, o que fai un total de 97,5 millóns de euros por catro anos con estes hospitais, San Rafael, Quirón e Modelo.

Se a maioría destes cartos fosen investidos nos centros de saúde e hospitais da Área de A Coruña estarían resoltos a gran maioría de problemas.

Por poñer un símil:

Da para contratar a máis de 350 médicos ou para resolver a precaria situación de persoal de todas as plantas do hospital e para ter unha ratio de poboación por médico de familia que permita traballar ben.

É unha tomadura de pelo. Estes son os feitos do señor Feijoo e a política do partido popular.

É necesario unha auditoría interna porque tal volume de transferencia económica á sanidade privada cheira mal e impresiona da existencia de corrupción cos cartos da sanidade pública.

Temos dereito a un cambio tamén aquí en Galiza. Temos dereito a ter esperanza.

Denunciamos a privatización e o saqueo da NOSA sanidade pública.

Esiximos un cambio de políticas. Pedimos un aplauso e un berro forte pola sanidade pública, de calidade e universal.


martes, 12 de xuño de 2018

Concentración o mércores 13, en toda Galicia, en defensa da sanidade pública. Na Coruña será no Obelisco ás 8 da tarde



A concentración de mañá convócase para denunciar a privatización sanitaria global do goberno de Feijoo.
Iniciou o seu mandato reducindo salarios e paralizando a carreira profesional e un incremento retributivo pactado, publicado no DOG,
Continuou reducindo persoal (máis xubilacións/mortes que contratacións) e privatizando os medios de apoio no sergas (tecnoloxía, electromedicina, historia clínica,...).
Usou a vía, xa obsoleta en Europa, de Iniciativa de Financiamento Privado para o hospital de Vigo.
Cambiou a lei galega de saúde para eliminar áreas sanitarias, centrar a xestión nas Xerencias únicas e deixar sen estrutura a atención primaria, o lugar máis cercano de atención ao paciente e onde se realiza a prevención e promoción de saúde.
Agora, na Coruña, establécese un Acordo Marco de concertación privada co Quirón, San Rafael e Modelo durante 4 anos e por unha cantidade de 97,5 millóns de euros. Unha transferencia económica enorme á sanidade privada no lugar de fortalecer á sanidade pública. Ademais, dentro deste Acordo, contrátase o aluguer de quirófanos na privada levando o sergas os seus profesionais en horario normal de atención.
Mentres se fai esta fortísima transferencia económica á sanidade privada da Coruña o CHUAC segue pechando camas (aumentou un 41,66% de camas pechadas en relación co ano pasado) e non usa todos os quirófanos que ten (usa diariamente 15 de 18 no hospital xeral en horario de mañá e só 3 en horario de tarde).
Entendemos que é necesaria unha concertación privada complementaria coa utilización máxima da pública pero isto é moito máis, é asegurar un negocio á sanidade privada cando a pública está infrautilizada.
Ao mesmo tempo que ocorre isto, o goberno de Rajoy desgravou fiscalmente ata 500 euros por traballador por cada póliza de seguro privado que contrata unha empresa, todo un regalo para a sanidade privada.
Deterioro do público, fortalecemento do negocio coa saúde e a sanidade pública, que é a de todos.
Por estes motivos facemos a concentración o mércores día 13 ás 8 da tarde no Obelisco, e fanse á mesma hora en toda Galiza no ámbito de cada plataforma de SOS Sanidade Pública.

Documentación entregada na rolda de prensa:
 








domingo, 5 de marzo de 2017

Graves incumprimentos das contratas de mantemento no sergas. Dimisión XA!

SOS Sanidade Pública denunciou en múltiples ocasións a privatización encuberta do sergas con externalizacións múltiples. Unha delas a de mantemento, con grandes contratos e por varios anos. Feijoo, como sempre, falando de eficiencia e aforro, e nós falando de pelotazo, de mal funcionamento das contratas privadas e de ter que facer ao final os empregados públicos que quedaban de mantemento.
Agora é o Tribunal de Contas, deben ser tamén uns radicais, quen sanciona e lle tira das orellas ao Sergas informando do fraude do contrato e da falta de control por parte do Sergas.
Non vai haber dimisións? Non pasa nada? Incumprimento dun contrato de 25 millóns!, millóns de euros, eh!, non 25 céntimos.
Quen tería que ter revisado e feito o seguimendo deste contrato incumprido debe dimitir.


 

martes, 1 de novembro de 2016

Privatización sanitaria na Unión Europea. Xornadas en Vigo organizadas por AGEeuropea


As xornadas de Vigo rematan lanzando o “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados”
As xornadas “A privatización da Sanidade na Unión Europea”, -organizadas por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo-, que durante dous días reuniron na cidade olívica a decenas de persoas pertencentes ao sector sanitario galego, estatal e internacional, remataron este sábado pola tarde co lanzamento do chamado “Manifesto pola recuperación dos centros sanitarios privatizados”. 
 TEXTO do MANIFESTO:
MANIFESTO POLA RECUPERACIÓN DOS CENTROS SANITARIOS PRIVATIZADOS
As Plataformas e Organizacións que subscribimos este Manifesto:
1.- Denunciamos a privatización do Sistema Sanitario Público que se esta producindo no Estado Español de xeito progresivo, no que a denominada Colaboración Público Privada (CPP) representa un dos alicerces fundamentais desta estratexia.
2.- Expoñemos que de acordo coa evidencia científica recollida no Estado Español país e a nivel da Unión Europea, demostrouse que estes modelos CPP supoñen un encarecemento moi importante da atención sanitaria, un recortes de recursos, unha diminución da calidade da mesma, e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara ás constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre.
3.- Como consecuencia rexeitamos estes instrumentos que só benefician ao sector privado e que deberían ser reintegrados ao sistema público.
4.- Consideramos que para conseguir este obxectivo é esencial a mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das administracións públicas, impulsando unha lexislación que garante o carácter público da provisión e da xestión do sistema sanitario público e derrogue a Lei 15/97
5.- Entendemos que a saúde ten unha dimensión multifactorial que traspasa o Sistema Sanitario que ten que ver coa actuación pública sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da poboación e os profesionais do sistema sanitario.
6.- Queremos mostrar o noso compromiso a potenciar Unha Rede de Organizacións e Plataformas que integren aos sectores sociais e profesionais máis amplos , a nivel local, autonómico, estatal e europeo contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a reintegración dos centros privatizados mesmos ao sistema público.
Foto de Praza

 O manifesto, presentado polo presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, e impulsado polas plataformas presentes no encontro, recolle seis puntos claves e a intención é, a partir de agora, facelo circular para que reciba o apoio e a adhesión de todas as organizacións sociais e políticas implicadas na loita pola defensa dos servizos públicos.
 Neses 6 puntos de consenso do Manifesto, amósase textualmente o “compromiso a potenciar unha rede de organizacións e plataformas que integren aos sectores sociais e profesionais máis amplos, a nivel local, rexional, estatal e europeo contra a privatización dos centros sanitarios, para evitar novas privatizacións e promover a reintegración dos centros privatizados mesmos aos sistema público”. Enténdese que a saúde ten “unha dimensión multifactorial que traspasa o Sistema Sanitario, que ten que ver coa actuación pública sobre os determinantes da saúde coa colaboración activa da poboación e os e as profesionais do sistema”. Considera que é “esencial” a “mobilización social e profesional, acompañadas da intervención das administracións públicas” e rexeita “os instrumentos que só benefician o sector privado e que deberían ser reintegrados ao sistema público”. Denuncia que os modelos de Colaboración Público Privada (CPP) supoñen “un encarecemento moi importante da atención sanitaria, o recorte de recursos, a diminución da calidade da mesma e unha total ausencia de transparencia, avanzando cara á constitución de oligopolios de provisión sanitaria en mans de multinacionais, construtoras, bancos e fondos voitre”. E denuncia que esta CPP representa un dos alicerces fundamentais da estratexia de privatización do Sistema Sanitario Público que se está producindo no Estado español de xeito progresivo”.
 A eurodeputada Lídia Senra valorou, no peche, moi positivamente este encontro que “pon de manifesto como os partidos que abrazan o neoliberalismo están dispostos a promover reformas nos sistemas públicos de saúde para convertela nun suculento negocio para as grandes empresas e os investidores”. “Pola nosa parte poñeremos toda a carne no asador para contribuír na loita que se está a dar contra este atentado contra a saúde das persoas, tanto colaborando na divulgación do que está acontecendo como poñendo en marcha todas as iniciativas que estean ao noso alcance para seguir facilitando debates deste tipo e levando iniciativas ás institucións nas que estamos presentes”, exclamou.
Máis alá do colofón aos dous días de debate en Vigo co lanzamento do citado manifesto, a xornada deste sábado arrancou a primeira hora da mañá cunha mesa sobre “Experiencias de aplicación da CPP no Estado español”, moderada polo representante da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas, Pepe Penelas, quen realizou un chamamento a “rematar coa dependencia dos convenios público-privados” e a artellar medidas efectivas para facerlle fronte aos proxectos “privatizadores aplicados tanto polo PP como polo PSOE”.
 Un dos relatores no citado coloquio, Pedro Durán Mondejar, do Sindicato de Médicos de Asistencia Pública (SIMAP) e da Asociación Cidadá para a Defensa da Sanidade Pública de Valencia, expuxo a situación na que se atopa o hospital de Alzira e denunciou que “a mortandade e esperanza de vida nas áreas xeográficas nas que a xestión da sanidade é privada é moito peor que nas que a xestión é pública”. “Isto é o que nos debe de preocupar”, defendeu, para atacar que “os medios de comunicación bombardean continuamente con que a CPP é a panacea” e sen embargo a realidade é que nos modelos de concesión “as Administracións teñen un escaso control do servizo sanitario e convértense en verdadeiras axencias de colocación de persoal afín”.
 Na mesma liña, Juan Antonio Ayllón Domínguez, presidente da Asociación Sanidad Pública Si de Burgos, defendeu “como elemento clave” un “sistema público universal e financiado por orzamentos públicos” e advertiu de que “non imos cesar na loita pola recuperación do Hospital Universitario de Burgos”. “Será unha utopía? Como di Galeano, é o que nos fai camiñar cara ao horizonte”.
 Montserrat Seijas, da Plataforma pola Recuperación do Hospital Son Espases de Palma de Mallorca, explicou a preocupante situación sanitaria nesta comunidade e alertou de que “os sindicatos de médicos e de enfermeiras están como adormecidos. O noso maior reto é conseguir espertar a toda a cidadanía na defensa na sanidade pública”, asegurou.
 O segundo coloquio-debate da mañá deste sábado abordou “Experiencias internacionais da privatización sanitaria” con Sally Ruane, directora da unidade de Investigación de Políticas de Saúde do Departamento de Ciencias Sociais Aplicadas da Universidade de Montfort, no Reino Unido; Vivi Paskhali, radióloga e membro do Consello Xeral da ADEDY, Confederación dos Sindicatos de Empregados Públicos de Grecia; e Henrique Botelho, coordenador nacional para a reforma do Serviço Nacional de Saúde de Portugal na Área dos Coidados de Saúde Primarios. Jesús Araújo, da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, moderador desta mesa, defendeu “pelexar por manter as conquistas conseguidas no sector a nivel galego e porque non se dea un paso atrás na sanidade pública”.
 Paskhali fixo un repaso polas agresivas políticas neoliberais que están a ser aplicadas en Grecia e que teñen como consecuencia que “nos últimos anos pecharon moitos hospitais, despediron ao persoal e as unidades de saúde pública non son suficientes para cubrir as necesidades da poboación, de xeito que a xente está guiada para ter que pagar para poder acceder aos servizos sanitarios, estando ante unha comercialización de servizos”, dixo.
Sally Ruane explicou como afectou a crise financeira afectaou aos recortes no sector público sanitario británico e como foi imposible obter fondos públicos nos últimos anos para o desenvolvemento de novos hospitais, o que derivou tamén no peche de moitos servizos. “En Inglaterra hai hoxe hospitais creados con diñeiro privado que están a pechar áreas simplemente porque non dan ganancias. Ao Goberno gústalle este modelo porque permite construír sen aumentar a débeda, pero ao mesmo tempo é moi custoso”, denunciou.
 Henrique Botelho na súa intervención atacou a quen entende a saúde “como unha oportunidade de negocio. O portugués afirmou que “non é saudable introducir medidas antiuniversalistas como se foran solucións meramente técnicas” no ámbito sanitario, defendeu que o Servizo Nacional de Saúde é a “grande conquista do Estado Social no noso país” e explicou que a día de hoxe os esforzos se centrar en “intentar relanzar a reforma que iniciamos no 2016”.
 Despois dunha pausa para xantar, na sesión da tarde desenvolveuse unha mesa baixo o título “Funcionamento e resultados dos hospitais de CPP. Resposta social e profesional”. Moderada por Ángel Cameselle, presidente da Xunta de Persoal da Área de Vigo, as intervencións correron a cargo de Marciano Sánchez Bayle, presidente da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid e secretario de Organización da FADSP; José Vieira, da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas; e Manuel González Moreira, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública Vigo.
 Ángel Cameselle, tirou como conclusión destes dous días de “importantes” xornadas en Vigo que “só a mobilización poderá frear que sigan existindo modelos de financiamento privado sanitario” e avogou por realizar no futuro unhas novas xornadas de unión na loita en toda Europa. 
 Chío de Lidia Senra
 Marciano Sánchez Bayle, na liña, insistiu en que “a privatización incrementa os custos de maneira exponencial, empeora a calidade da atención sanitaria e reduce o persoal”. “No sistema sanitario do Estado español somos líderes, si, líderes en transplantes do público ao privado”, dixo. Para o madrileño, o “empeño privatizador débese a ideoloxías dos fundamentalistas do mercado, a intereses de grandes multinacionais que buscan nichos de rendibilidade e a persoais dos xestores administrativos. “Épocas de desastre son de grandes oportunidades para carroñeiros”, denunciou.
 José Vieira reclamou a necesidade de artellar “un gran movemento para que non nos coman os ultraliberalistas que tomaron o goberno recentemente” e tachou de “caso moi grave ou de ineptitude ou máis ben intencionado” o sucedido en Vigo. “Había unha solución mellor, dar lugar a un hospital público de referencia do sur de Pontevedra, con 1465 camas e todos os servizos, coa dimensión necesaria para solventar todas as necesidade. Pero o que aconteceu é que se deu lugar a un hospital privado con 845 camas”, denunciou.
 Manuel González Moreira defendeu que o modelo do Álvaro Cunqueiro supón menos horas de enfermería e “máis complicacións” para os enfermos. “Os recortes incrementan a mortandade. Máis coidados de enfermería, menos mortandade , e aquí é xusto o contrario”, asegurou.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública 

xoves, 28 de xullo de 2016

Crowdfunding para continuar coa demanda europea para liberar da privatización o novo Hospital de Vigo

Estimados amigos e amigas, como sabedes a Asociacion Galega para a Defensa dá Sanidade Pública presentou o pasado setembro unha denuncia ante a Comisión Europea contra a adxudicación do financiamento e xestión do Novo Hospital de Vigo a unha Concesionaria privada con fortes co PP e a Xunta de Galicia.


A denuncia se fundamentaba en utilización de indebida da figura legal de Concesión de Obra Pública para non dar explicacións; os recortes do Proxecto Funcional para abaratar custos ás empresas adxudicatarias; o financiamento do proxecto polo SERGAS mediante un crédito do Banco Europeo de Investimentos pese a que este debería ser cuberto pola Concesionaria; e vulnérana a lexislación da UE para ocultar o endebedamento público pola construción do hospital.

A Comisión Europea admitiu a demanda e abriu un proceso de investigación que pode acabar na apertura dun procedemento de infracción e o rescate da concesión sen indemnizar ás empresas privadas beneficiarias desta cacicada.

Pese ao esforzo económico realizado pola AGDSP non fomos capaces de facer fronte aos gastos legais da denuncia.


Por iso solicitamos ás organizacións das Plataformas SOS de Galicia e a aquelas persoas que están en contra da privatización da sanidade galega unha axuda económica para facer fronte a estes gastos, para o que abrimos un crowdfunding para facelas efectivas desde internet.


Un cordial saúdo

Manuel Martin
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública