Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018

mércores, 13 de xuño de 2018

SOS Sanidade Pública pide unha auditoría interna para avaliar as enormes transferencias económicas á sanidade privada desde o goberno de Feijoo

SOS Sanidade Pública pide unha auditoría para avaliar as enormes transferencias económicas á sanidade privada desde o goberno de Feijoo

 

Manifesto lido durante a concentración:

SOS Sanidade Pública convocou concentracións en toda Galiza, en cada área sanitaria, para denunciar a estratexia global de privatización do goberno de Feijoo.

Tiñámolo acordado antes da sentencia da Gürtel, antes de que Rajoy perdese o goberno e antes de que Feijoo, por fin, dese a cara e confirmase que quere ser aspirante a presidir o partido popular.

Acordamos estas concentracións para denunciar, máis unha vez, que o goberno galego -de Feijoo- ten unha estratexia de privatizar a NOSA sanidade pública.
Nestes 9 anos que leva de Presidente aplicouse a fondo.

Certo é que non é só a sanidade porque en Pontevedra non esquezamos que prorrogaron a concesión a ENCE, para seguir ocupando os terreos de todos e afumar e cheirar a cidade por decenas de anos, e que aquí na Coruña ben sabemos o que o PP quere facer cos terreos do porto, da Solana e os da maestranza. O PP converteu o ministerio de fomento, o de defensa e á mesma Xunta de Galicia nos maiores especuladores urbanísticos da cidade, querendo vender o que é de todos.

Pero volvamos á sanidade. Agora, neste momento político, temos aínda máis responsabilidade. Temos que dicirlle a toda España quen é Feijoo, recordarlles que non se diferencia en nada do seu querido Rajoy, que as súas políticas están arrasando Galiza e que fará o mesmo co resto de España, se o deixan.

Alguén dirá: Si pero el está de Presidente porque gañou as eleccións. Correcto, pero tamén é certo que a Gürtel xa estaba cando Rajoy arrasou no 2011 e volveu ser o máis votado por 2 veces no 2016. E a pesar diso, inexplicablemente, indecentemente, gañou. Pero os ventos cambiaron e nunha semana tanto Rajoy como o partido popular perderon o poder.

Lembremos algúns dos feitos de Feijoo coa sanidade pública galega:

1. Nada máis chegar en xuño de 2009 paralizou uns acordos de incremento retributivo do persoal do sergas, uns acordos que xa estaban publicados no DOG. E paralizou tamén a negociación da carreira profesional, avisando xa daquela o que lle esperaba ao persoal: reducións salariais, precarización da contratación, redución de persoal e grandes desigualdades retributivas ao haber uns con carreira profesional e outros sen carreira nestes 9 anos.

2. Feijoo tampouco quería perder pé das concesións privadas hospitalarias ás construtoras españolas, e entregou o novo Hospital de Vigo pola vía da Iniciativa de Financiamento Privado, como estaban facendo en Madrid ou en Valencia. Como resultado desta operación o sergas ten que pagar un canon anual de 66 millóns de euros durante 20 anos (é o hospital de Vigo pero lembrade que o pagamos todos), ao que hai que sumar unha verdadeira peaxe na sombra mes a mes por pagos non pactados previamente.

3. Despois do hospital de Vigo Feijoo xa estaba botado para diante e seguíu na súa liña. Privatizou a central loxística de compra e distribución de todo o material que se usa no sergas (e que ata ese momento facía o propio sergas), a electromedicina, a historia clínica (cos nosos datos sanitarios), o transporte programado, o transporte urxente, o mantemento xeral e tamén a compra de alta tecnoloxía por medio do chamado diálogo competitivo. O sergas deste modo entrega a planificación estratéxica e o coñecemento sobre as compras ás empresas privadas, das que pasa a depender. Só o contrato de alta tecnoloxía foron 88 millóns por 8 anos.

4. Recientemente, coa súa maioría absoluta no parlamento, modificou a lei galega de saúde para eliminar as áreas sanitarias do Salnés, o Barco, Monforte e a Mariña, deixando estes territorios sen planificación propia e afogando os seus hospitais comarcais.
Nesta lei tamén se crean estruturas de participación cidadá pero eliminando a función de evaluar a xestión dos directores do sergas e confírmase a política de introdución da empresa privada nas estruturas de investigación e de formación do sergas, que intentan orientar tanto os proxectos de investigación como a docencia dos nosos médicos e os outros profesionais cara os seus intereses.

5. A atención primaria, a máis cercana á poboación, o lugar onde se debe aplicar a prevención e a promoción de saúde, está desaparecida na política sanitaria de Feijoo, sendo absolutamente residual nos obxectivos deste goberno. Fan moitas declaracións de potenciar a atención primaria pero no último mes vimos como amortizaron unha praza máis de médico no centro de saúde San Xosé e acumularon os seus pacientes ao resto de médicos do centro.
Nos obxectivos deste ano o sergas pide que non tardemos máis de 5 días en atender aos pacientes no centro de saúde. Como é posible? É unha adaptación á realidade, a falta de substitucións, a política decidida por este goberno, impide que os pacientes poidan ser atendidos no día e normaliza a lista de espera tamén en atención primaria.

6. Cando se querían vender pisos o Estado desgravaba a compra de vivenda, agora Montoro, Rajoy e Feijoo queren vender sanidade privada e hai unha desgravación de 500 euros ao ano ás empresas por cada traballador ao que lle fagan unha póliza de sanidade privada. 500 euros que pagamos todos para que a empresa regale sanidade privada aos seus traballadores, no lugar de fortalecer a sanidade pública.


7. Este ano pechan na Coruña, no verán, 170 camas, un aumeno do 41,66% en relación co peche de camas do ano pasado.
Dos 18 quirófanos inaugurados por Feijoo só funcionan con normalidade pola mañá 15 e pola tarde só 3.
Mentres pasa isto, os nosos familiares son enviados a operar de cancro a Ferrol, Burela, Pontevedra ou Vigo ou a un centro privado, en aplicación do decreto de tempos máximos de espera. Este decreto di que as cirurxías deben facerse en 60 días e as consulta ou probas en 45 pero hai pacientes que no lugar de facerllo no CHUAC os mandan fóra de paseo ou a centros privados.

E mentres pasa isto,

O CHUAC fai unha transferencia de 20 millóns de euros ao ano a San Rafael, Quirón e Modelo.

Si, parece increíble pero é así. Vense facendo desde hai tempo por unha cantidade similar e por un procedemento negociado, moi pouco transparente. Agora hai un acordo marco para 4 anos de concertación de 72 millóns 220 mil euros e unha salvagarda de 25 millóns trescentos mil euros, o que fai un total de 97,5 millóns de euros por catro anos con estes hospitais, San Rafael, Quirón e Modelo.

Se a maioría destes cartos fosen investidos nos centros de saúde e hospitais da Área de A Coruña estarían resoltos a gran maioría de problemas.

Por poñer un símil:

Da para contratar a máis de 350 médicos ou para resolver a precaria situación de persoal de todas as plantas do hospital e para ter unha ratio de poboación por médico de familia que permita traballar ben.

É unha tomadura de pelo. Estes son os feitos do señor Feijoo e a política do partido popular.

É necesario unha auditoría interna porque tal volume de transferencia económica á sanidade privada cheira mal e impresiona da existencia de corrupción cos cartos da sanidade pública.

Temos dereito a un cambio tamén aquí en Galiza. Temos dereito a ter esperanza.

Denunciamos a privatización e o saqueo da NOSA sanidade pública.

Esiximos un cambio de políticas. Pedimos un aplauso e un berro forte pola sanidade pública, de calidade e universal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario