Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018

domingo, 7 de outubro de 2018

A mobilidade é saúde. Sempre con garantía

Achégase artigo publicado na Opinión de A Coruña sobre o uso das bicicletas e patinetes eléctricos polas beirarrúas:




Copia do artigo:

07.10.2018 | 01:01
 
A Organización Mundial da Saúde, os diferentes organismos de saúde pública ou as sociedades científicas médicas recomendan un incremento da mobilidade activa. Para manter a independencia e calidade de vida nas persoas maiores, reducir peso e reducir o risco cardiovascular en millóns de persoas non tan maiores e mellorar a estrutura osteoarticular e a saúde física e psíquica en xeral. Recibimos múltiples estímulos acotío para pasear, nadar, movernos en bicicleta ou ir ao ximnasio.

Mais aquelas que se decidan a cumprir estas recomendacións enfróntanse en moitas ocasións a un conflito polo espazo urbano no que sempre leva as de perder o paseante. As bicicletas que foxen dos coches, unido aos novos patinetes eléctricos, conviven malamente cos peóns nas beirarrúas.
Non só aquelas persoas que levan gafas escuras e van cun bastón apalpando e recoñecendo o chan necesitan espazo libre na beirarrúa. Pódense describir numerosos casos nos que o paso dunha bicicleta xunto a un peón é perigoso para este. Por exemplo:

-As persoas cunha deficiencia de visión central como pode ser por miopía, maculopatía, retinopatía ou catarata, que non ven con suficiente nitidez, reciben a intrusión da bici como unha agresión repentina e sorprendente.
-A persoa con glaucoma perde a visión lateral. Non ve o que lle vén polos lados. A entrada da bici no seu círculo vital vai ser unha ameaza para o seu equilibrio e integridade.
-Se tes fatiga por problemas respiratorios ou cardíacos, non tes forza para cambiar de posición coa suficiente rapidez para evitar a aparición no teu espazo de calquera vehículo.
-Aqueles con problemas neurolóxicos, sexan de deterioro cognitivo, cerebrovasculares, párkinson... ou de afectación de diferentes nervios periféricos teñen reducida a súa funcionalidade sensitiva e motora tanto para recoñecer o perigo como para evitalo.
-Os que teñen problemas articulares como pode ser cifoescoliose, afectación da columna cervical ou lumbar ou das cadeiras ou dos xeonllos ou dos nocellos non responden coa necesaria axilidade ante a rápida bicicleta.
-Unha persoa maior que non padeza ningunha enfermidade vai cambiar de por si, coa idade, a súa postura corporal, co tronco dobrado cara diante e a cabeza abaixada, con ampliación da base de sustentación dos pés, menor braceo e maior rixidez articular. Cando pasea precisa dun espazo libre de obstáculos ao seu arredor ou está en alto risco de caída e de fractura de cadeira, situación que aumenta a institucionalización e a mortalidade. Non é ningunha parvada.

Xa non falemos dos nenos. É máis, calquera persoa ten dereito, madia leva, a pasear tranquila e distraidamente pola beirarrúa, sen ter que estar pendente da invasión brusca dun vehículo ao seu arredor.

Temos que ser conscientes como colectivo de que as beirarrúas son para os peóns, que non se poden compartir con outros vehículos que circulan a moita máis velocidade que as persoas. Probablemente a solución pasa por actuar en varias frontes: normativa actualizada, vontade das autoridades de facela cumprir, educación vial infantil, colaboración coas asociacións de ciclistas e cidadás (como as de pacientes,...) e campañas institucionais. Pero todas as persoas temos unha responsabilidade social e debemos reflexionar sobre esta ameaza, educar aos fillos e advertir a amigos e veciños do uso respectuoso destes vehículos.

Entendo que o ciclista ou o usuario do patinete eléctrico se sinta ameazado polos coches. Seguro que se debe reducir a velocidade máxima dos coches e ampliar o carril para bicis e patinetes pero non se xustifica a invasión e ameaza do espazo dos peóns con risco para a súa saúde. Hai tempo os coches non paraban diante dun paso cebra para permitir o paso dos peóns. Agora é o habitual. Co uso das beirarrúas e as bicicletas ha de ser o mesmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario