Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018
Amosando publicacións coa etiqueta PFI. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta PFI. Amosar todas as publicacións

luns, 12 de outubro de 2015

Día de loita pola sanidade pública. Concentración na rotonda do hospital o martes 13 de outubro ás 11 horas.


Información sobre concentración no Hospital de A Coruña

En defensa da sanidade pública, en apoio da folga do hopistal de Vigo de mañá 13 de outubro

1.     O sobrecuste do hospital de Vigo ímolo pagar durante 20 anos todos os galegos e vai producir redución orzamentaria no resto da sanidade pública.
2.     A pesar do problema económico que provoca a política sanitaria de privatizacións de Feijoo/PP, Vigo vai contar con menos camas das previstas (850 fronte as planificadas inicialmente 1450) e un 30% menos de quirófanos. Ademais de que o hospital non ten laboratorio central nin cociña, entre outras.
3.     Habitacións sen timbre, goteiras, ratos, problemas coa comida, paredes de papel, material escaso e de mala calidade, problemas para lavarse nos quirófanos, prohibición por parte da empresa concesionaria de poñer baldas que son moi necesarias xa que non hai onde colocar material en algunhas plantas (como noutros hospitais privatizados deste tipo o sergas vai ter que pagar por facer calquera cambio na estrutura),... Increíble!
4.     O proceso do traslado do persoal e a apertura do novo centro fíxose cunha enorme improvisación e incapacidade técnica poñendo en risco a atención dos pacientes.
5.     Aparcadoiro exclusivamente de pago, que intentan remediar agora con aumento da frecuencia de buses, como se os enfermos (moitos con problemas de mobilidade) puidesen ir facilmente en bus.

O persoal do hospital de Vigo vai estar de folga o martes 13 de outubro. A Xunta de Persoal da Coruña convoca unha concentración na rotonda do hospital mañá martes ás 11 horas.

SOS Sanidade Pública apoia esta concentración en defensa da sanidade pública e en apoio da folga do hospital de Vigo, e pide a toda a persoa que poida que se achegue e participe na concentración de mañá.

O desastre da privatización, planificación e xestión do PP e Feijoo co novo hospital de Vigo ímola sufrir todos os galegos.

En representación de SOS: Ramón Veras Castro 696394788



mércores, 2 de setembro de 2015

Novo Hospital de Vigo: o timo da estampita (Feijoo). SOS Sanidade Pública Coruña apoia a manifestación de VIgo do 3 de setembro



NOTA DE PRENSA


SOS SANIDADE PÚBLICA CORUÑA apoia a manifestación de Vigo convocada pola Xunta de Persoal para o mércores 3 de setembro.

Todo o que rodea a este novo hospital é escandaloso: licitación, concesión, financiamento, prazos de construción, entrega da obra, incluso a externalización da oficina técnica de control da obra a unha empresa privada chamada Efficientia Clinical Management, constituída ad hoc para a realización deste traballo e dirixida por Ana Sánchez, colaboradora da ministra Ana Pastor e experta privatizadora da sanidade madrileña.


O resultado agora é:
  1. Un hospital sen laboratorio. Suprimiuse o proxectado laboratorio, para favorecer ao novo Laboratorio Central de Galicia, cedido á empresa Suiza UNILABS pola Xunta do PP (curiosamente á mesma multinacional que xestiona o laboratorio central madrileño).
  2. Redución de servizos: Introducíronse importantes recortes no proxecto inicial (para abaratar gastos á Concesionaria Privada), reducindo o equipamento, as camas de hospitalización convencional nun 31,8%, os quirófanos nun 31,4%, o Servizo de Urxencias nun 55,5% e as salas de Radioloxía nun 45,7%, ademais do empeoramento na calidade dos materiais de construción e a perda da eficiencia enerxética (o que multiplicará os gastos de calefacción e aire acondicionado).  Así o Hospital de Vigo deixou de ser Centro de Referencia en Servizos de Alta Tecnoloxía e Especialización para 300.000 persoas de Pontevedra, que pasaron a depender do Complexo Hospitalario de Santiago.
  3. Múltiples deficiencias nas instalacións: Filtracións de auga, baixa calidade dos materiais, presenza de ratos,...
  4. Caótico traslado do persoal do hospital xeral ao novo hospital
  5. Contaminación microbiolóxica na zona de quirófanos que provocou a paralización dos traslados ao hospital
  6. Aparcadoiro de pago: A cesión da xestión do aparcamento á UTE, ademais dunha importante perda económica para a sanidade pública galega, suporá que os enfermos e familiares usuarios do novo hospital queden afectados por un novo copago (pago por aparcar de case dous euros á hora) dada a inexistencia de espazos alternativos, a gran distancia do Centro e cos problemas para que o transporte público chegue a toda a área sanitaria.
  7. ...
Isto é unha 'rapiña', unha entrega planificada de recursos públicos a empresas privadas. Feijoo anulou o proxecto de hospital público de Vigo deseñado polo goberno anterior para seguir os plans dos gobernos do PP, sobre todo o madrileño, de privatizar a sanidade. Todo a costa dos recursos sanitarios públicos, a costa da saúde da cidadanía de Vigo, a costa da saúde de todos os galegos, xa que toda a poboación galega vai ter que cargar cos gastos desproporcionados do novo hospital de Vigo.

É preciso parar esta desfeita da sanidade pública deseñada e executada por Feijoo e o Partido Popular.

Queremos facer chegar ao pobo de Vigo a solidariedade daquelas persoas e organizacións que na Coruña loitamos pola defensa e mellora da Sanidade Pública.


SOS Sanidade Pública sumarase á convocatoria da Xunta de Persoal da Xerencia de A Coruña de realizar unha concentración mañá mércores 3 de setembro ás 11 horas na rotonda do Hospital de A Coruña.

Ramón Veras Castro (696394788), en representación da Plataforma en defensa e mellora da sanidade pública de A Coruña SOS Sanidade Pública