Polo peche de camas, polo deterioro da atención primaria, polo acoso á sanidade pública

Creación do Consello Local de Saúde de A Coruña o 30 de outubro de 2018

mércores, 20 de decembro de 2017

O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia a mala situación da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital da Coruña


Recollemos aquí o comunicado do Movemento Galego da Saúde Mental sobre a Unidade de Hospitalización psiquiátrica de A Coruña:

A PESAR DO DENUNCIADO NON HAI NINGUNHA MELLORA NA UNIDADE
DE HOSPITALIZACIÓN PSIQUIÁTRICA DA CORUÑA

Hai dez meses o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) denunciou publicamente o estado no que se atopaba a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña.
Salientamos, naquel momento, as inaceptables e discriminatorias condicións físicas das habitacións (a metade dos pacientes debían usar baños colectivos), os déficits severos de funcionamento e de organización da actividade asistencial (carecíase de instrumentos para a participación e coordinación dos diferentes profesionais), a infradotación profesional según os estándares dos documentos planificadores da propia Consellería de Sanidade, os déficits de transparencia na xestión, e a incalificable aplicación da contención mecánica a pacientes (inmobilización das persoas mediante suxeición ás súas camas) que se estaba a realizar nunha habitación colectiva de tres camas, violentándose deste xeito os seus dereitos máis básicos.
http://movementogalegosaudemental.gal/page/13/ 
En datas recentes o MGSM tivo coñecemento de que na devandita Unidade se sostivo no mesmo tempo en condicións de contención mecánica a seis persoas ingresadas, con ocupación plena do cuarto que dispón de tres camas para a suxeición sendo contidas nel simultaneamente tres persoas, e que un deses pacientes permaneceu nesa situación varios días.
Sóubose tamén que, a pesar da sua gravedade, ningunha das carencias denunciadas foi resolta neste tempo pola Xerencia da Área da Coruña.
O feito de que ata seis persoas se atoparan suxeitas en contención mecánica nunha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica de 32 plazas, e que tres foran no mesmo cuarto, é incalificable. Constitúe un indicador moi preocupante do funcionamento desa Unidade, do grao de vulneración dos dereitos humanos que sofren os pacientes tratados dese xeito, e das penosas condicións nas que o persoal ten que desenvolver o seu traballo. Ponse así de manifesto a reiterada incapacidade dos xestores dese Hospital para cumprir coas obrigas propias do seu cargo.
Sempre se afirma, por quen dirixe os centros sanitarios e polos profesionais que neles traballan, que a contención mecánica é un medio indesexable, que só se xustifica como  último recurso ante aqueles estados non previbles de alteración condutual das persoas ingresadas que poden crear riscos graves e cando esas alteracións non poideran modificarse por outros medios. Para seren cribles esas afirmacións, debera disporse dos medios (dotacións materiais e profesionais suficientes, espazos adecuados, actividades terapéuticas, formación dos profesionais e organización asistencial apropiada) para que a contención mecánica non chegue a ter lugar. O termo "último recurso" só ten sentido se antes os recursos necesarios están implantados e, neste caso, esa xustificación só son palabras baleiras.A contención mecánica é unha actuación sobre a persoa que reduce a súa autonomía
ao mínimo imaxinable (en rigor só ao espazo que fisicamente ocupa o seu corpo), que ten efectos daniños que potencialmente poden ser moi graves, que conmove, incomoda e dana con moita frecuencia a quen se lle encomenda realizala (persoal de enfermería), que está cuestionada por amplos sectores de pacientes e profesionais da saúde mental ao longo do mundo e dos tempos e ante a cal, explicitamente, se reclama dende diferentes instancias a súa abolición.
Debe impedirse que nesa Unidade se sosteña por máis tempo a situación denunciada. Cómpre definir polos profesionais os plans e os recursos necesarios para a prevención e superación da práctica da contención mecánica en tódolos espazos asistenciais psiquiátricos. A Consellería de Sanidade debe prever no futuro Plan Galego de Saúde Mental as accións necesarias para a súa erradicación e poñer os medios necesarios para que non chegue a ser xustificable o argumento de "último recurso".
A sociedade e os seus representantes deben tomar esta cuestión nas súas mans definindo explicitamente que o obxectivo é a súa abolición, e vencellando o mesmo á  mellora na atención á saúde mental da poboación e ao progreso na defensa da dignidade humana. Cómpre facelo porque afecta ós dereitos fundamentais das persoas, porque estamos moi atrasados nesta cuestión respecto a outros lugares do mundo, porque moitos dos afectados/as directamente por ela e amplos sectores profesionais véñeno reclamando hai tempo, porque a acumulación de información sobre os seus efectos debuxa unha realidade temible, porque existen experiencias exitosas de redución e superación da mesma, e porque é o mais antigo e máximo expoñente da violencia que aínda pervive na atención psiquiátrica, e que a pesar dos progresos, aínda hoxe en pleno século XXI, se resiste a desaparecer.
 
                                                                                              En Santiago a 19 de decembro de 2017
 
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
 
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública, ante o grave deterioro que está a sufrir e o dano que se está a causar nos dereitos das persoas. A súa Declaración Fundacional está asinada por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns e cidadás que a comparten, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores, Lenda), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría, Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais, Asociación Galega de Pais e Nais Separados, Colexio Oficial de Terapeutas Ocupacionais de Galicia, Radio Prometea.
 
http://movementogalegosaudemental.gal/
https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental
https://twitter.com/MGSaudeMental

 

domingo, 12 de novembro de 2017

A formación médica ou a investigación non poden depender da industria farmacéutica

A formación médica non pode depender da industria farmacéutica. A investigación tampouco. O sergas, desde a chegada de Feijoo ao goberno, conta cada día con máis presenza das empresas privadas. Chega a ser difícil, ás veces, ver onde remata o sergas e onde empeza a industria privada, sexa de servizos, tecnolóxica ou farmacéutica.





O sergas faise responsable minimamente da formación médica e os profesionais precisan unha actualización contínua. A profesión é moi esixente, os cambios rápidos e sen actualización o risco de erros aumenta.
Calquera empresa tería interese en formar aos seus profesionais e non deixarían isto en mans de empresas externas, sobre todo se están interesadas no negocio. Pois isto é precisamente o que fai o sergas, irresponsablemente. Como se ve nesta nova recollida da Opinión de A Coruña a industria non só financia congresos e actividades de formación aos médicos senón tamén fai doazóns ás fundacións hospitalarias relacionadas con formación e investigación e ao propio sergas.
A industria non fai doazóns de modo altruísta, como é lóxico. Faino porque ten interese en influír na prescrición médica. Isto non quere dicir que os médicos vaian receitar un medicamento que pensen que non está indicado pero precisamos unha formación médica independente de toda influencia das empresas interesadas. 
O sergas debe facerse cargo desta formación e non aceptar a mediación da industria. Polo ben dos pacientes, polo ben dos seus profesionais.


 

venres, 6 de outubro de 2017

A Mariña luguesa móvese contra a perda da Área Sanitaria

Presentamos fotos e titulares de prensa da manifestación celebrada o 5 de outubro en Burela:










Mobilización na Coruña contra o cambio anunciado polo PP da lei galega de saúde

Presenza nos medios da concentración convocada onte 5 de outubro pola Xunta de Persoal da EOXI da Coruña

Na  OPINIÓN DE A CORUÑA



 


Convocatoria na Coruña contra a modificación da Lei de Saúde anunciada polo PP

A Xunta de Persoal da EOXI da Coruña convocou unha concentración o día 5 de outubro para pedir a retirada do anteproxecto de modificación da lei galega de saúde.



SOS Sanidade Pública A Coruña apoiou a concentración.
Nota de prensa de SOS Sanidade Pública

SOS Sanidade Pública A Coruña apoia a concentración convocada pola Xunta de Persoal da EOXI A Coruña diante da Xerencia do CHUAC o xoves 5 de outubro ás 11:30 horas.

O motivo da concentración é pedir a retirada do anteproxecto de modificación da Lei de saúde de Galicia.

SOS Sanidade Pública A Coruña apoia a concentración e súmase á petición da retirada deste cambio lexislativo porque:

1. Vai debilitar as posibilidades de participación social e as opcións de fiscalizar a xestión da Consellaría de Sanidade.
No caso do Consello Galego de Saúde elimina varias das funcións que recolle a Lei de saúde dificultando a transparencia e a fiscalización da xestión:
- Coñecer e emitir informe sobre o anteproxecto do Plan de saúde e ser informado da súa avaliación.
- Coñecer e ser informado dos contratos de servizos sanitarios, dos concertos e dos programas de
subvencións así como da avaliación do informe do seguimento relativo a eles.
- Coñecer e emitir informe sobre o anteproxecto de memoria anual do Sistema Público de Saúde de Galicia.

2. Elimina varias áreas sanitarias (Monforte, Salnés, Burela e O Barco) con funcións de planificación e xestión de comarcas naturais territorialmente para facelas provinciais en Lugo e Ourense, centralizando recursos, reducindo accesibilidade e impedindo unha planificación de servizos adecuada ao territorio. É unha burla que Feijoo fale de buscar a recuperación demográfica para despois eliminar áreas sanitarias, reducir servizos sanitarios comarcais e eliminar centros educativos. Como se vai fixar poboación ao territorio se se reducen os servizos!. Nestes últimos anos xa se debilitou aos hospitais comarcais por non aumentar os seus servizos e deste modo a tendencia será a empeorar.

3. Confirma a liña política privatizadora do sergas na docencia, investigación e innovación subordinando as estruturas de formación e investigación a intereses da industria farmacéutica. A formación dos profesionais debe ser independente da industria farmacéutica e tecnolóxica se queremos contar con expertos non mediatizados polos intereses privados da industria. Tampouco en investigacioń é o mesmo colaborar ou buscar un impacto dos resultados da investigación que se realice en Galiza que priorizar financiamento para liñas de investigación de interese da industria, tal como se teñen queixado os investigadores. A mextura e confusión de público e privado ben coñecido por todos na asistencia sanitaria tamén se vai consolidando na formación dos profesionais sanitarios e na investigación biomédica galega. Esta modificación lexislativa avanza neste sentido.

Manifestación en Monforte o 8 de outubro, en defensa da área sanitaria


En Monforte teñen claro que a área sanitaria non pode eliminarse. O PP e Feijoo esqueceron todas as súas promesas.


O 8 de outubro nova manifestación en Monforte en defensa da área sanitaria. Para lembrarlle ao PP os seus deberes.

xoves, 5 de outubro de 2017

O Barco tamén responde a Feijoo e Almuiña cunha manifestación histórica

O Barco celebrou unha manifestación histórica o 30 de setembro en defensa da súa área de saúde e para esixir mellores recursos sanitarios.
Feijoo e Almuiña xa saben agora o que pensa O Barco sobre os seus plans liquidacionistas da sanidade pública.

Publicación do Faro de Vigo:

 Puidéronse escoitar eslóganes como:
 
Sanidade para todos en igualdade
A área sanitaria é moi necesaria
No rural páganse impostos de primeira
Gestión integrada, área roubada
A autoridade, afunde a sanidade
Servicio público e de calidade
Contra os recortes, fagámonos fortes


O Salnés responde aos plans da Consellaría de Sanidade cunha grande manifestación

O Salnés respondeu con forza, claridade e contundencia ao plans de Feijoo e Almuiña de eliminar a área sanitaria do Salnés, cunha manifestación celebrada o 29 de setembro.

Hai que lembrar que a área sanitaria do Salnés tampouco estaba prevista no primeiro mapa sanitario galego pero as mobilizacións daquela época fixeron que o PP terminase aceptando o Salnés como área de saúde.

Agora o PP reincide con Feijoo e Almuiña de protagonistas e avanzan a eliminación da área sanitaria do Salnés, xunto coas de Monforte, O Barco e a Mariña, previsa no anteproxecto de modificación da lei galega de saúde.




martes, 19 de setembro de 2017

Escandalosa lista de espera de cirurxía de cadeira e de xeonllos no Hospital de A Coruña

Achegamos a nota de prensa (e os gráficos) de SOS Sanidade Pública A Coruña enviada hoxe en relación coa Lista de Espera de Traumatoloxía de A Coruña.

As listas de espera de traumatoloxía do Hospital de A Coruña son signficativas e sobrepasan os límites tolerables. Persoas con patoloxías crónicas como artrose de cadeira ou artrose de xeonllo, que teñen solucións cirúrxicas, ven como pasan os meses sufrindo dor ata precisar o uso de opiáceos e aumentando a incapacidade para andar, coas complicacións médicas que poden presentar.
A denuncia pública de Margarita Santiago Urbano sobre a súa situación en lista de espera de traumatoloxía no Hospital de A Coruña visibiliza con nome e apelido e imaxe este sufrimento.
 SOS Sanidade Pública A Coruña presenta e denuncia os datos da lista de espera de traumatoloxía deste hospital, os que aparecen na web do sergas, onde xa se ve que é o hospital do sergas (do seu tamaño, incluíndo Ferrol) coa maior espera media de consulta a xuño de 2017 (57,2 días). A espera media cirúrxica está na web do sergas en 98 días a xuño de 2017 na Coruña, 20 días máis que a media do sergas. Datos só superada polo caos vigués onde sobrepasan os 100 días nos seus dous hospitais.

Sendo estes datos chamativos aínda o son máis cando coñecemos os datos observados polo médico de familia na consulta de atención primaria. Estes son os reais, os datos que reflicten o sufrimento do paciente. 
 
Cando o paciente vai á consulta do médico de familia por unha dor de cadeira, este lle pide unha radiografía, que tarda aproximadamente un mes, e así pode estar o diagnóstico feito en 1-2 meses aproximadamente. Pídese unha consulta con traumatoloxía, que tarda un mínimo de 6 meses, sexa unha petición normal ou preferente, e se este xa considera que se debe operar, a espera (inclusión en lista de espera nese momento) é de 6 a 12 meses. É seguro que na Coruña este paciente pasará entre un total de 12 a 18 meses, ás veces chega aos 2 anos, con tratamento analséxico, ao final con opiáceos e ás veces tendo que usar muletas e/ou cadeira de rodas, para ver solucionado un problema médico que non é complexo e non precisa gran tecnoloxía ou observación diagnóstica.

No caso da artrose de xeonllo hai que sumar a isto cando menos 3 meses máis de espera cirúrxica, alcanzando a mesma entre ano e medio e 2 anos.
As listas de espera, ademais do sufrimento e impacto socioeconómico que producen na cidadanía, seguen a ter unha xestión escura e pouco transparente. Antes o sergas publicaba os datos cada 3 meses pero agora só os ofrece cada 6, o 30 de xuño e o 30 de decembro de cada ano. Ademais non ofrece información de lista de espera de procesos, cando menos dos problemas médicos máis prevalentes, nin sabemos canta desta lista de espera é derivada a centros concertados. A transparencia é mínima e os datos que publica non permiten unha avaliación da xestión da mesma.

SOS Sanidade Pública fai públicos estes datos, pide maior transparencia na xestión e esixe do sergas unha solución a este problema, unha solución dentro da sanidade pública, non enviando pacientes aos hospitais concertados. Unha persoa que é diagnosticada de artrose de cadeira ou de xeonllo non debe esperar máis de 3 meses a ver resolto o seu problema. O resto non é tolerable.



SOS apoia a denuncia que fai unha paciente da lista de espera de traumatoloxía da Coruña

Meses e meses de espera, esa é a denuncia de Margarita Santiago pola súa situación. Está pendente dunha cirurxía de cadeira.
O luns 18 organizou unha concentración diante da porta do hospital de A Coruña, apoiada, entre outros, por SOS Sanidade Pública A Coruña.






Transcribimos aquí o texto do escrito de denuncia pública feito pola paciente Margarita Santiago Urbano:

"A Coruña, 13 de Setembro de 2017
Margarita Santiago Urbano DNI. 32 393 212 N
Quero manifestar, para coñecemento xeral, os meus pacedementos no funcionamento da ADMINISTRACIÓN DA XUNTA dE GALIZA RESPECTO Á SANIDADE.
Dende xuño de 2016 veño padecendo un problema de cadeira e, sobre todo, padecendo a política privatizadora da Xunta de Feijoo. Recoñezo a valía dos profesionais sanitarios, pero a pésima xestión da Xunta fai alongar durante de 16 meses a solución da miña doenza. Despois de pasar polo médico de cabeceira, por reumatoloxía e por traumatoloxía, aínda estou sen data de operación de cadeira (diagnóstico final dos profesionais) tendo que utilizar muletas para moverme.
Como ben sabedes, a Consellería de Sanidade do Sr. Feijo fixo unha trampa de tahúr: para diminuir as lista de espera creou o “rexistro de pacientes en espera”, sen datas concretas de operación. E esta é a miña situación, como a de moitos miles de usuarios da Seguridade Social. Repito: non é só o meu problema, é o de miles de usuarios da Seguridade Social.
Mentres, todos estamos a sufrir as secuelas derivadas: dor, pésima calidade de vida, depresións, etc. Poderíamos calificar isto de “terrorismo sanitario”? Pois a consciente política sanitaria da Xunta da máis que medo, da terror.
A Consellería de Sanidade está, ademáis, a incumprir a súa mesma normativa: non prolongar máis de tres meses as operacións. Cal é o motivo? O Consello Económico Social relatou no seu último informe que Galiza é a Comunidade que menos invirte en Sanidade. Péchanse salas, non se fan sustitucións, non se cubren prazas, péchanse áreas comarcais... A Xunta de Feijoo non é que non teña preocupación pola saúde dos galegos, o que realmente non lle importa é a
vida dos galegos. Só lle interesa o negocio sanitario e a PRIVATIZACION DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE.
Por estos motivos comunícovos:
QUE O LÚNS DÍA 18 DE SETEMBRO ÁS 10:30 DA MAÑÁ VOUME PRANTAR NA ENTRADA DO CHUAC, NA ENTRADA DA 4a PLANTA TODOS OS QUEIRADES PROTESTAR POLO VOSO PROBLEMA, E POLOS PROBLEMAS DE TODOS OS PACIENTES, VIDE ESE DÍA."

martes, 5 de setembro de 2017

10 de setembro: Día Mundial pola Prevención do Suicidio


CONVOCATORIA PARA O DIA MUNDIAL DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO

O próximo dia 10 de setembro realízanse actos en todo o mundo por iniciativa da Asociación Mundial para a Prevención do Suicidio e a Organización Mundial da Saúde.

O obxectivo é informar, sensibilizar, confrontar o estigma, recordar e reivindicar compromiso, en especial dos gobernos, coa prevención.

Neste ano, cando vimos de saber que outra vez aumentou en Galicia a cantidade persoas falecidas por esta causa, o Movemento Galego da Saúde Mental convoca a todas/os a participar no acto que se realizará en Santiago

10 de setembro Día Mundial pola Prevención do Suicidio

345 suicidios en Galicia no 2016
345 badaladas pola prevención

Praza do Obradoiro

Ás 12 da mañá en Santiago


Movemento Galego da Saúde Mental

venres, 21 de xullo de 2017

O peche de camas no hospital e a falta de substitucións en atención primaria: o Sergas quere facer normal o inaceptable


Ligazón ao Informativo local Radio Coruña (cadena SER) o 20 de xullo de 2017


Nota de prensa de SOS Sanidade Pública A Coruña. 19 de xullo de 2017
 
 






Redución intensa da actividade do Hospital e a Atención Primaria de A Coruña no verán

SOS Sanidade Pública A Coruña denuncia unha intensa redución da actividade sanitaria tanto no hospital como na atención primaria da Coruña, con listas de espera nos centros de saúde e sobrecarga asfixiante das urxencias do hospital.

A polémica dos números vén do peche de camas, contestada polo sergas informando da ‘dispoñibilidade’ de todas elas. Pero a realidade é que a estratexia do sergas é dunha redución da actividade por motivos económicos. Non hai previsión presupostaria para substituír ao persoal de vacacións e o resultado é unha xestión, xa normalizada, de peche de unidades, peche de camas, asfixia das urxencias hospitalarias e bloqueos das consultas de atención primaria.

En atención primaria o sergas intensificou o bloqueo de consultas e a chamada intersubstitución (reparto dos pacientes entre os profesionais que hai no centro). O bloqueo de consultas significa que se un paciente chama para pedir cita ese día (bloqueado) non hai posibilidade de citación xa que non existe ese día na axenda do profesional, creando deste modo lista de espera en atención primaria. Ante a ausencia dun médico o sergas un día bloquea a consulta, outro día reparte algúns pacientes entre os profesionais que quedan no centro e o terceiro día pon un médico 3 horas de consulta (repartindo as urxencias entre os que quedan). Practicamente desaparece a substitución completa da xornada.

No hospital por un lado pechan as unidades relacionadas coa Cirurxía Maior Ambulatoria, a máis resolutiva da lista de espera, e por outra parte pechan camas impedindo o baleirado do servizo de urxencias hospitalarias, acumulándose pacientes en espera de cama e provocando de novo a sobrecarga de urxencias, con camas nos pasillos, cun control estrutural de enfermaría ‘no pasillo’.
O único motivo desta xestión é o económico. Uns presupostos sanitarios raquíticos, incapaces de permitir unha atención eficaz e xeradores de lista de espera.

SOS Sanidade Pública de A Coruña non aceptamos como algo normal a redución da actividade, tendo en conta as necesidades sanitarias existentes (lista de espera, urxencias hospitalarias en situación crítica) e esiximos o mantemento en activo da planta de medicina interna do Abente, para reducir a espera no servizo de Urxencias, e que se substitúan os profesionais en atención primaria toda a xornada, anulando as chamadas intersubstitucións e bloqueos das consultas.

Reciba un saúdo

Asina Ramón Veras Castro, en representación de SOS Sanidade Pública A Coruña